Colapso en Urxencias do CHUS, con 12 pacientes graves nos corredores

Imaxe de arquivo dun colpaso no CHUS (Foto: A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS)
Usuarias atribúen a conxestión á mala xestión.

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) volveu denunciar esta terza feira a través dun comunicado novos "colapsos" no servizo de Urxencias na tarde da segunda feira derivados do que considera unha "ineficiente xestión" das camas de ingreso. 

Segundo relata este colectivo, ás 15:30 horas había "12 pacientes graves" nos corredores de acceso ao servizo, mentres que "30 pacientes co ingreso asinado" non tiñan cama e ocupaban os espazos de atención.

Todo iso "sen que ningunha causa estacional que o xustifique", asegura a asociación, que por tanto achaca esta situación a unha "ineficiente xestión das camas dispoñíbeis" que achaca á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago-Barbanza e ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), así como ás demoras "inaceptábeis" que hai na Atención Primaria.

De acordo con datos que recolle o CHUS na súa web, nas últimas 24 horas foron atendidas en urxencias unhas 530 persoas e hai algo máis de 800 camas ocupa-das, sobre as 1.500 que hai dispoñíbeis no hospital. Por tanto, hai un "excedente" de máis de 600 sinala este colectivo, que tamén afirma que as últimas melloras realizadas no servizo, como a ampliación de espazos, "están a ser empregadas para demorar os ingresos en planta as urxencias nunha zona de espera".

Fontes da Área sanitaria, pola súa parte,indicaron en resposta a estas denuncias que aínda que a demanda de atención en urxencias "está en niveis elevados", os pacientes "teñen unhas esperas axustadas" ao que é recomendábel.