Un colectivo ecoloxista di que 48 de cada 100 árbores na provincia da Coruña son eucaliptos

Plantación de eucaliptos na Galiza. (Foto: Nós Diario).
Arco Iris afirma que esta especie "desborda xa os límites aceptábeis".

A Asociación Ecoloxista Arco Iris considera que o eucalipto na Galiza "desborda xa os límites aceptábeis", sobre todo na provincia da Coruña, onde calculan que existen 48 por cada 100 árbores.

Nun comunicado, os ecoloxistas lamentaron que só a rexión de Coimbra, en Portugal, supera estes niveis en toda a Península Ibérica.

"Unha densidade entre 34 e 59 metros cadrados por hectárea considérase como excesiva e está a un paso de ser considerada como trabada. Ese parámetro denomínase área basimétrica e é un dos factores que caracteriza a unha política forestal razoable e rigorosa, o que non ocorre na Galiza desde hai xa moitos anos", criticaron.

Segundo as súas cifras, en Pontevedra o eucalipto sitúase en 34%, mentres que en Lugo en 21,6%. "Esta densidade forestal é incompatíbel cunha política eficaz de prevención e loita contra os incendios forestais e pode considerarse como unha causa directa da proliferación de lumes nalgunhas zonas da Galiza", engadiron.

Así, desde Arco Iris reivindicaron que esta situación "alarmante" é "incompatíbel" con proxectos como o de Altri en Palas de Rei, instando á Consellaría do Medio Rural a intensificar os labores de inspección que permitan non só evitar novas repoboacións, senón eliminar as "moitas ilegais" que existen.