Colectivos de enfermeiras chaman a se concentrar esta quinta feira “pola recuperación dos nosos dereitos”

(Foto: Xunta da Galiza).
As mobilizacións terán lugar na maioría das áreas sanitarias.

APT (A por todas) é un colectivo formado por enfermeiras de diferentes áreas sanitarias galegas. Dende hai uns meses desenvolven diferentes accións, desde concentracións, escritos dirixidos á á Valedora do Pobo e até  reunións cos representantes dos traballadores. “Reclamamos os dereitos que fomos perdendo nas últimas dúas décadas, melloras nos cocientes de enfermeira – doente, estabilidade laboral e o recoñecemento profesional que merecemos”, sinalan nun comunicados.

“O uso abusivo de contratos precarios, de días, ou no mellor dos casos, de meses, nos cales, en moitas ocasións, o horario laboral é comunicado ao traballador con un só día de antelación, tendo que exercer o seu traballo nunha unidade diferente cada día ou incluso dentro da mesma xornada, xera unha gran presión nos profesionais e supón un risco innecesario para a seguridade dos doentes, minguando a calidade asistencial”

“Cada vez faise máis evidente a falta de enfermeiras dispoñíbeis para cubrir as ausencias do persoal de plantel estábel (vacacións, días de descanso, asuntos propios, incapacidades temporais). Neste momento a xestión do Sergas céntrase na improvisación continua afectando a calidade dos coidados que ofrecemos”.

“A mala xestión da administración e a falta de previsión das crecentes necesidades dunha poboación cada vez máis lonxeva favorecen o deterioro da Sanidade Pública, o incremento desorbitado da actividade privada e a migración de compañeiras fóra da Galiza e incluso de España”.ç

Por todo isto, indican, convocan para esta quinta feira, 16 de novembro, concentracións::

Monforte, na entrada principal do Hospital ás  13 horas

Lugo, na entrada principal do HULA ás 13 horas

A Mmariña, na porta xiratoria ás 11:30 horas

Compostela, na entrada do CHUS ás 13 horas

A Coruña, na rotonda do HUAC ás 13 horas

Pontevedra, diante do Hospital Provincial ás 13 horas

Vigo, na porta principal do HAC ás 11:30 horas

Ferrol, no recibidor do Arquitecto Marcide ás 13 horas