Crise dos pellets

O colector perdido polo 'Toconao' contiña 26,2 toneladas de pellets

Un colector de Maersk. (Foto: Frank)
O buque perdeu perdeu outros catro contedores que transportaban pneumáticos, barras de aluminio, pneumáticos e rolos de papel filme.

O Toconao, barco responsábel da vertedura de plásticos que afecta toda a costa galega e que se estendeu xa a varios puntos do Cantábrico, perdeu cinco colectores, un deles cun total de 26,25 toneladas de pellets repartidos en 1.050 sacos de 25 quilos cada un. Así o vén de trasladar Maersk, armadora do caguero con bandeira de Liberia, ás autoridades españolas, apuntan desde a Delegación do Goberno estatal na Galiza.

Os pellets plásticos duns 5 milímetros de tamaño que se estenderon polo litoral do país e que alcanzaron tamén as praias de Asturias viaxaban nun dos cinco colectores que o Toconao perdeu o pasado 8 de decembro cando transitaba por augas portuguesas, concretamente á altura da localidade de Viana do Castelo.

Ademais deste colector que contiña 1.050 sacos de pellets de 25 quilos, o que supón un total de 26,2 toneladas, o buque perdeu outros catro que transportaban pneumáticos, barras de aluminio, pneumáticos e rolos de papel filme.

Apertura de dilixencias

Esta mesma segunda feira, a Unidade Especializada no medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado abriu dilixencias de investigación sobre a vertedura de pellets nas costas galegas. A presenza das pequenas bólas de plástico vertidas ao mar polo Toconao foi notificada xa a mediados do mes de decembro por persoas que paseaban pola praia de Espiñeirido, no municipio de Porto do Son (comarca de Noia).

A chegada destes plásticos intensificouse durante a pasada semana, especialmente nas praias do Barbanza e a ría de Muros e Noia. Co paso dos días foron tamén notificándose a súa presenza en areais da Costa da Morte, as rías Altas e a Mariña e Asturias.