O colexio Compañía de María abre unha investigación após a denuncia a un traballador por abuso sexual

O colexio Compañía Santa María en Compostela (Foto: Luis Miguel Bugallo Sánchez).
O colexio compostelán manifestou nun comunicado que o obxectivo da investigación é "aclarar os feitos" mentres que o alcalde da cidade apelou á prudencia.

O colexio Compañía de María de Santiago de Compostela abriu unha investigación interna após a denuncia contra un traballador do centro por abusos sexuais a un menor.

 Así, segundo o colexio o obxectivo é "aclarar os feitos e detectar se se puideron producir outras situacións que supuxesen un risco para a integridade física e moral de calquera menor".

Nun comunicado difundido a todas as familias do centro, o equipo directivo explicou que o pasado 15 de decembro o colexio foi coñecedor dunha denuncia contra un empregado do centro por un presunto caso de abusos a un menor.

Para alén diso, sinalou que foron coñecedores desta situación de maneira oficial a través dunha comunicación do xulgado que instrúe a denuncia, "sen ter máis información concreta sobre os feitos nin ningunha denuncia previa".

Medidas contra o traballador

Nese mesmo comunicado, o equipo directivo destacou que no mesmo momento no que se coñeceu a denuncia "suspendeuse preventivamente a relación laboral co traballador acusado". Do mesmo modo, prohibíuselle a presenza no centro e calquera contacto co alumnado.

"Compartimos a dor que esta situación xera e, convencidas como estamos dos principios e valores do noso proxecto educativo, sentimos profundamente que este tipo de feitos se puidesen producir no noso centro. Ao mesmo tempo, pedimos que se preserve a intimidade dos menores e da familia afectada, e que se respecte escrupulosamente o dereito á presunción de inocencia", conclúe o escrito enviado ás familias do centro compostelán.

Bugallo pide prudencia

O alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a preguntas dos medios sobre este asunto tras a xunta de Goberno local, sinalou que o Concello obtivo a información destes feitos a través da denuncia que se formulou na Comisaría de Policía e pediu "enorme prudencia".

"Terán que ser psicólogos os que fagan unha valoración psicolóxica para ver se hai elementos reais ou non. Eu non teño coñecemento de que existan probas materiais nin testemuñas. Por tanto, pido en todo isto moitísima prudencia e imos deixar traballar os expertos", sostivo.

Con todo, recoñeceu que é un tema "enormemente delicado en todos os sentidos". "Se un neno desa idade recibiu danos, paréceme unha traxedia e paréceme algo terríbel, pero, se fose un erro, tamén me parecería un problema terríbel. Imos esperar", aseverou o alcalde compostelán.