O Colexio de Xornalistas lanza a campaña #NonDifundasMachismo

fotografia_violenciadexenero

Co gallo do día  internacional de loita contra a violencia machista, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza lanza a campaña #NonDifundasMachismo para concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nos medios de comunicación

Con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galiza bota a andar esta semana a campaña de Twitter e Facebook #NonDifundasMachismo, coa que se pretende concienciar contra a persistencia de tratamentos machistas nas informacións dos medios de comunicación.

A campaña #NonDifundasMachismo consiste na publicación a través das redes sociais de titulares, informacións ou imaxes que exemplifiquen distintos estereotipos e comportamentos sexistas nos medios de comunicación, exemplos que irán acompañados dunha pequena explicación e do hashtag #NonDifundasMachismo.

Desde esta plataforma realizan un chamamento para colaborar con esta iniciativa partillando os distintos chíos coa finalidade de dar visibilidade ao problema da persistencia de tratamentos machistas neste ámbito, así como a compartir outros exemplos de sexismo, usando o hashtag #NonDifundasMachismo.

Esta iniciativa súmase a outras campañas que xa botaron a andar tamén a través das redes sociais co gallo do día contra a violencia machista. Unha delas foi a impulsada polo concello de Pontevedra, co hashtag #PrimAcoso, unha campaña que se converteu nunha denuncia masiva nas redes sociais (Twitter e Facebook) contra esa primeira agresión machista que sofren as mulleres. O primeiro chío lanzouno a concelleira de Benestar Social, Carme Fouces: "6 anos. Un veciño que estudaba no seminario volvía as fins de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas. #PrimAcoso", o que dou comezo a unha campaña a través da cal o concello de Pontevedra pretende dar visibilidade á  base da pirámide da violencia machista.

“Comparte con nós a primeira lembranza de acoso ou daquel momento no que te sentiras sentido menos valorada polo feito de ser muller. Queremos visibilizar onde comeza a pirámide da violencia. Anímate, cóntanos a túa historia, a dunha familiar, a dunha amiga, a de tod@s nosoutr@s... Emprega este hashtag no teu comentario #PrimAcoso”