As comarcas de Pontevedra e A Ulloa unidas contra Ence e Altri: "As celulosas fóra da Galiza"

Encontro das marchas contra as celulosas procedentes de Marín en Pontevedra fronte á factoría de Ence. (Foto: CUT Galiza).

Miles de persoas marcharon desde as alamedas de Marín e Pontevedra para se encontrar fronte á fábrica de Ence en Lourizán, convocadas por Asociación pola Defensa da Ría (APDR) e a Plataforma Ulloa Viva.

Baixo o lema 'Nin Ence na ría, nin Altri na Ulloa', as convocantes botaron a andar pouco despois do mediodía sen medo á choiva, arroupadas pola veciñanza da Ulloa e Pontevedra e convencidas de que "a loita contra a instalación de Altri no corazón de Galicia e a que mantemos pola saída de Ence da ría" fan parte dun obxectivo común: a loita por un "futuro digno e sostible para as persoas, baseado na explotación racional dos nosos recursos e incompatible co modelo que defende a Xunta".

Unhas 4.000 persoas, segundo a organización, uníronse na defensa do mar e da terra "contra as celulosas". Entidades ecoloxistas como Adega, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Verdegaia sumáronse á mobilización xunto a outros colectivos sociais, profesionais, sindicais e políticos.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na marcha xunto a outros cargos do BNG como a senadora Carme da Silva, o deputado no Parlamento da Galiza Luís Bará e a deputada electa ao Parlamento Europeo Ana Miranda.

Ao longo do percorrido, numerosas pancartas fixeron constar a posición das persoas manifestantes contra os proxectos contaminantes de Ence e Altri na Galiza, con mensaxes como: 'Na defensa do noso mar', 'Dende a Ulloa ata a Ría. Terra, auga e aire son vida!', 'O litoral, espazo natural', 'A terra é nosa e non da celulosa', 'Xunta: traidores e expropiadores'.

Goberno submiso

"Hoxe a Xunta da Galiza apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de Ence na ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas", lembraron desde a APDR durante a lectura dos manifestos finais.

En consecuencia, engadiron, a súa determinación favorece "os vertidos e emisións á atmosfera, os cheiros e ruídos e, en definitiva, o os danos ambientais e as molestias á veciñanza, que vai sufrir, ademais, o aumento do impacto visual e paisaxístico da fábrica".

Por outra parte, salñientaron, "a Xunta apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei, unha fábrica que, máis aló da incidencia ambiental no encoro de Portodemouros, no río Ulla e na Ría de Arousa, vai afectar coas emisións atmosféricas, cheiros e ruído á saúde das persoas e á calidade de vida da comarca".

A Asociación pola Defensa da Ría acusa o Goberno galego de potenciar "un modelo económico depredador dos recursos naturais, do medio ambiente, a saúde e a calidade de vida das persoas, en beneficio duns poucos", despachando o patrimonio cultural, ambiental e paisaxístico da Galiza e do pobo galego "a quen máis ofreza".

Neste sentido as plataformas convocantes emprazaron a cidadanía a dar un paso máis contra Altri e Greenalia o vindeiro domingo, 30 de xuño, en Compostela. A Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa fan un chamamento a "arrodear a Xunta ao berro de Altri non!"