Comeza o paro do funcionariado de Xustiza en defensa "do servizo público"

Funcionarias e funcionarios diante dos xulgados de Santiago de Compostela (Foto: Europa Press).
Os sindicatos cifran a participación na folga dun 30% na Galiza.

O funcionariado de Xustiza galego iniciou esta segunda feira os paros contra o que consideran "atropelo" da Lei Orgánica de eficiencia organizativa no sector público da Xustiza, así como para defender "o servizo público" e o mantemento dos seus dereitos laborais.

A folga e as protestas ante os edificios xudiciais, convocada por STAJ, UXT, CCOO, CSIF e SPJ-USO, producíronse en todo o Estado español e nas sete cidades galegas. En canto ao seguimento deste primeiro día, o comité de folga apuntou que foi "desigual" nas diferentes zonas, mais cifrouno nun 30% na Galiza. A Xunta, pola súa banda, baixa esta cifra ao 1,1%.

O delegado de UXT na Coruña, Manuel Díaz, asegura que a lei busca un recorte "no servizo público" e tamén “nos dereitos laborais dos traballadores e tamén da cidadanía”.

Ademais, critica que contan cun complemento de destino que é inferior ao de todas as administracións do Estado” e advirte que padecen o "recorte de postos" que afecta na Galiza a 2.800 traballadoras e traballadores. 

Por outra parte, os sindicatos convocantes anunciaron a súa intención de recorrer unha instrución ditada pola Dirección Xeral de Xustiza da Xunta na que se "obriga ás persoas traballadoras a fichar mentres fan a folga", unha obriga que, apuntan, "non existe legalmente". 

A Xunta defende a fichaxe

Desde a Xunta da Galiza aseguran que se acordou cos sindicatos convocantes os servizos mínimos semanais para a folga de Xustiza.

En canto ao sistema de fichaxe, o Goberno galego apunta que "en ningún caso" o persoal "ten o deber de comunicar que vai facer folga", pero que "a folga si debe ser rexistrada utilizando un sistema verificábel".