Comeza a reconstrución do asasinato machista de Andrea Yturri en Ribeira

O acusado do asasinato de Andrea Yturri abandonando o domicilio esta quinta feira na reconstrución do crime. (Foto: Europa Press)
A moza foi presuntamente asasinada pola súa ex parella, actualmente en prisión provisional, o pasado 19 de marzo.

Comeza a reconstrución do último suceso que conmocionou o municipio barbanzán de Ribeira. O home acusado de asasinar o pasado 19 de marzo a súa ex parella, Andrea Yturri, na parroquia de Palmeira saíu esta quinta feira de prisión para participar nos labores policiais de reconstrución dos feitos, coincidindo, ademais, coa convocatoria dunha concentración por parte de Mulleres en Acción do Barbanza que reuniu ante a Igrexa parroquial, a escasos metros do lugar do crime, a familiares da vítima, amizades e veciñanza.

Desde primeira hora da mañá despregouse en Palmeira a comitiva xudicial, que trasladou o detido desde prisión. Participan efectivos de Policía Nacional, Policía Local e Policía Xudicial da Garda Civil, que cortaron o acceso á rúa na que a muller residía e onde foi asasinada. Tamén empregaron un dron. O detido chegou á vivenda pouco antes do mediodía e permaneceu dentro durante unha hora e media.

O home, que ingresou en prisión provisional comunicada e sen fianza á espera de xuízo, intentou quitarse a vida despois de cometer o crime, segundo as primeiras investigacións policiais. O de Yturri foi o primeiro caso coa consideración de asasinato machista do presente ano na Galiza.

Concentración de repulsa

Varias decenas de persoas déronse cita durante toda a mañá ante a Igrexa de Palmeira para mostrar a súa repulsa por este crime e arroupar os familiares da moza asasinada, entre eles a súa nai, que permaneceron na zona durante toda a reconstrución dos feitos.

"A violencia machista é unha grave vulneración dos dereitos humanos e o asasinato é o seu máis grave expresión, ademais dun problema social de primeira orde. É necesario que vexamos esta violencia non como unha acción illada, se non como o que é, un armazón de condutas, de normalización de actitudes, de mensaxes que recibimos a través da educación e dos medos de comunicación que estruturan a sociedade dun modo asimétrico", recolle o manifesto que leron durante a concentración.