Comeza esta segunda feira a dobre vacinación gripe-covid e a inmunización de bebés contra o virus respiratorio sincitial

Unha vacinación. (Foto: Europa Press)
A campaña incorpora unha vacina intranasal contra a gripe para os nenos de entre dous e cinco anos.

A Galiza comeza esta segunda feira a campaña de vacinación para protexer os colectivos máis vulnerábeis contra a gripe e a covid-19. Así, o Sergas inicia unha estratexia de dobre vacinación nas residencias de maiores e centros de discapacidade, así como a aplicación dunha inxección a bebés para previr o virus respiratorio sincitial (VRS), que pode orixinar a bronquiolitis.

Respecto á dobre vacinación de Covid e gripe, a partir do 7 de outubro continuará para as persoas inmobilizadas, do 14 de outubro en diante será a quenda do persoal sanitario, das persoas en situación de inmunosupresión e dos maiores de 80 anos.

 Finalmente, a partir do 26 de outubro recibirán a dobre vacinación os grandes dependentes menores de 80 anos, as embarazadas, os grupos de risco e o resto da poboación diana.

Paralelamente a esta campaña, desenvolverase a da gripe, que tamén é estacional e cuxa poboación diana son as criabzas de 6 a 59 meses, os estudantes de centros sanitarios e sociosanitarios, o persoal dos centros de educación infantil e o persoal con exposición laboral directa a animais ou aos seus secreciones.

Ademais, a vacinación da gripe tamén inclúe os fumadores, as persoas con enfermidade celiaca e as persoas con fístula de líquido cefalorraquídeo e implante colear ou á espera deste, xa que teñen maior risco de complicacións desta enfermidade.

Como principal novidade desta campaña, destaca a incorporación dunha vacina intranasal contra a gripe para os nenos de entre dous e cinco anos.

Ademais, este ano tamén se vacinará contra a gripe ao persoal dos centros de educación infantil nos que haxa nenos de até cinco anos. Así mesmo, vacinarase os coidadores daquelas persoas inmobilizadas nas súas casas e que non poden desprazarse ata os seus centros sanitarios.

O obxectivo principal da campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións da gripe e da covid, "tentando minimizar o impacto na saúde mediante a súa prevención".

Por outra parte, a vacinación contra a covid e a gripe desenvolverase en varios puntos até o 31 de decembro: residencias de maiores, centros de discapacidade, hospitais públicos, grandes recintos e nos centros de Atención Primaria.

Con todo, a vacinación exclusiva contra a gripe desenvolverase nos puntos de vacinación habituais e comezará a partir do 7 de outubro, cos nenos de 6 a 59 meses, con patoloxías de risco e con aquelas persoas inmobilizadas e os seus coidadores.

A partir do 14 de outubro será a quenda das persoas de máis de 80 anos, co persoal sanitario, de farmacia e de emerxencias, así como coas persoas institucionalizadas e en situación de inmunosupresión. As persoas de 70 a 79 anos poderanse vacinar a partir do 28 de outubro e as de 60, menores de 60, con patoloxías de risco, embarazadas, o persoal de servizos esenciais e con exposición laboral farano a partir do 11 de novembro.

Finalmente, os conviventes con persoas de risco e o resto da poboación diana poderán acceder á vacina da gripe para partir do 18 de novembro.

Respecto ao virus respiratorio sincitial, na campaña anterior alcanzouse unha porcentaxe de inmunización global "superior a 95%" e logrouse reducir en 90% os ingresos por VRS.

A vacinación contra o VRS tamén principia esa segunda feira e estenderase ata o 31 de marzo de 2025. Os nados durante a campaña de inmunización, os menores de seis meses e determinados grupos risco son os bebés que deben inmunizarse contra a enfermidade.

Deste modo, os nados durante a campaña recibirán a inmunización no hospital tras o nacemento, os bebés nados desde o 1 de abril serán citados a partir do 30 de setembro e os prematuros e lactantes con alto risco de enfermidade grave por VRS serán citados ao comezo da campaña.