Comeza a vacinación contra a Covid-19 nos centros de saúde

A pasada sexta feira o colectivo de persoas entre 70 e 79 anos comezou a recibir o fármaco nos puntos masivos. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Até 173.000 galegos e galegas maiores de 60 anos recibiron xa a cuarta dose.

Esta terza feira comeza a administración da cuarta dose da vacina contra a Covid-19 nos centros de saúde de referencia para aquelas persoas que "non puideron ou non quixeron" acudir aos vacunódromos, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Até o momento foron vacinadas coa cuarta dose no conxunto da Galiza un total de 173.000 persoas maiores de 60 anos, das que 151.000 pasaron polos 'vacinódromos', precisou Comesaña. No seu domicilio, recibiron a dose 2.400 galegos e galegas.

Segundo a planificación elaborada pola Consellaría de Sanidade, esta pasada segunda feira, día 17, rematou a vacinación do grupo etario de entre 80 e 84 anos e, esta terza comezase a citar nos centros de atención primaria todas aquelas persoas maiores de 85 anos que non recibisen aínda a dose de reforzo da Covid-19.

A pasada sexta feira, aliás, comezou tamén a vacinación á poboación de entre 70 e 79 anos nos puntos masivos, segundo lembrou o titular de Sanidade.

Gripe

No relativo á vacinación da gripe en persoas maiores de 60 anos, o conselleiro destacou que 94,6% dos usuarios aceptou a administración conxunta da vacina da gripe e da Covid-19. "Dato moi significativo e importante", puntualizou.

Críticas aos 'vacinódromos'

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG denunciou as "dificultades" dos maiores de 80 anos que estaban a ser convocados nos 'vacinódromos'. Segundo remarcaban nun comunicado, trátase de persoas que, na súa maioría, xa non conducían, e ás que lles supuña tamén "un trastorno enorme" trasladarse desde os seus lugares de residencia aos hospitais de referencia.

Tamén o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez (PP), criticou a "mala planificación" do Sergas: "No medio rural temos unha serie de dificultades engadidas, non temos transporte urbano e por iso fáltanos algo que nos impide acceder a uns servizos tan elementais como son as vacinas", dixo a pasada semana.