20 #VenresNegro nos medios públicos

O comité da CRTVG esixe ao director xeral que desminta insinuacións sobre sabotaxes

Traballadoras da CRTVG protestan contra a manipulación, esta sexta feira 5 de outubro. Foto: cedida.

O comité intercentros da CRTVG emitiu esta sexta feira un comunicado en que esixe ao director xeral da compañía un desmentido público sobre insunuacións de “pequenas sabotaxes nos telexornais da TVG”. Esta “provocación” publicouna hoxe mesmo o xornal compostelán El Correo Gallego.
 

“É inadmisíbel a opinión verquida na columna de El Correo Gallego Que din os rumorosos asinada por Antón Trabanca”, di a representación dos traballadores na súa nota, “en que sementa dúbidas sobre se se están a producir 'pequenas sabotaxes nos telexornais da TVG por persoas dispostas a todo”.   

 

El Correo Gallego, rotativo moi achegado ás posicións do PP e do Goberno de Alberto Núñez Feixóo, publica estas insinuacións nun contexto de forte contestación interna nos medios públicos a causa da manipulación informativa e o férreo control do labor dos profesionais exercido pola dirección. De feito, o cadro de persoal respaldou este 5 de outubro o viséximo #VenresNegro, en que os empregados da CRTVG visten de negro en protesta pola situación.

 

“O columnista aparenta descoñecer o contexto de fonda mudanza tecnolóxica polo proceso de dixitalización que está a acometer a televisión pública estes días”, engade o comité. Nunha recente entrevista con Sermos Galiza, así o lembraba o presidente do órgano dos traballadores, Raimundo Méndez.

 

“Esta provocación responde aos intereses de quen, desde a súa posición de poder, non tolera a demanda duns medios públicos independentes e ao servizo de todos os galegos e galegas”, expón o comunicado, que remata coa esixencia ao director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, “dun desmentido público desta grave difamación que atenta contra a dignidade dos e das profesionais dos medios públicos de Galiza”.