Saúde

As autoridades europeas desbotan controlar as fronteiras polo gromo de mpox

Pegadas da mpox no brazo e na man dunha crianza. (Foto: Europa Press)
O Comité de Seguridade Sanitaria da UE considera que o risco de que se estenda a mpox á poboación xeral da Unión é actualmente "baixo".

O Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea, que se reuniu esta segunda feira ante a emerxencia sanitaria internacional declarada pola OMS a raíz do último gromo de mpox, sinalou que "non se recomenda" o control nas fronteiras pola expansión deste virus, xa que o risco na UE aínda é "baixo". No encontro, que concluíu con recomendacións moi similares ás emitidas previamente pola OMS e o Centro Europeo para a Prevención de Enfermidades (ECDC, en inglés), participou en representación do Goberno español o director xeral de Saúde Pública, Pedro Gullón.

As autoridades europeas consideran que o risco de que se estenda a mpox á poboación xeral da UE é actualmente "baixo", aínda que aumenta en poboacións con contacto estreito con casos diagnosticados e en persoas especialmente vulnerábeis. E tampouco se descarta "a aparición de máis casos novos importados na UE".

A comisaria europea de Saúde, Stella Kyriakides, defendeu que a Unión teña un "enfoque coordinado" ante este fenómeno. "É esencial para previr potenciais gromos de mpox", indicou nunha mensaxe en redes sociais tras a reunión. A cita desta segunda feira reuniu por vía telemática expertos e expertas de todo o espazo comunitario con membros da OMS, o Centro Europeo para a Prevención de Enfermidades, a rama africana do CDC e mais a Axencia Europea do Medicamento.

500.000 vacinas no Estado español

Ante esta situación, o Ministerio de Sanidade asegurou que o Estado español dispón dun stock de 500.000 vacinas contra a mpox que poderían usarse a un quinto de dose por vía intraepidérmica e despregarse así en arredor de dous millóns de doses, se ben precisan que aínda non se recomenda a vacinación á poboación xeral.

Ademais, Sanidade apuntou que "hai capacidade de adquirir novas vacinas a través da compra conxunta da UE". Esta terza feira representantes de todas as comunidades autónomas reuniranse no Relatorio de Alertas para valorar as medidas a implementar de agora en adiante no conxunto do Estado.