Unha comitiva galega participa na multitudinaria marcha anti OTAN en Madrid

A columna galega, ao inicio da manifestación (Imaxe: Cedida)

Galiza estivo representada na manifestación que percorreu as rúas de Madrid contra a OTAN, con motivo da cimeira que vai decorrer na capital do Estado español os días 29 e 30 de xuño.

Unha comitiva de galegas e galegos integrantes do colectivo Galiza Contra a OTAN participou na mañá do domingo na multitudinaria marcha convocada a nivel estatal contra a organización atlantista, cuxa cimeira vai decorrer en Madrid o 29 e 30 deste mes.

A plataforma, que xa se manifestara en distintos puntos do país contra a guerra en Ucraína, desenvolveu nos últimos días unha campaña con actividades críticas coa alianza militar. Entre as persoas que participaron na mobilización, tras unha faixa na que se podía ler “Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos” atopábanse o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, e a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez.

Esta última, en declaracións a Nós Diario, puxo de manifesto a importancia de que se visibilice que “Galiza non é submisa á OTAN” e, por tanto, dixo, “non acepta a participación do Estado español” na organización militar, que considera “totalmente entregada ao imperialismo e ao servizo dos EUA”.

A mobilización partiu de Atocha pasadas ás 12 horas e acabou o seu percorrido na praza de España, onde tivo lugar a lectura dun manifesto. Porén, organizacións que fixeron parte da protesta, vinculadas na meirande parte ás nacións sen Estado, como o caso galego, decidiron concluír o traxecto na praza de Callao, por non compartir o posicionamento de entidades con vinculación aos partidos que sustentan o Goberno español, explicou Méndez.

Cabeceira da manifestación (Imaxe: Cedida)

Enrique Santiago, presente na mobilización

Neste sentido, tomaron parte da manifestación, con berros de “OTAN non, bases fóra” membros da dirección federal de IU e o Partido Comunista de España, alén de organizacións como Anticapitalistas, Ecoloxistas en Acción, Marea Cidadá e Solidariedade Obreira. Participaron da protesta algúns membros do Executivo estatal como Enrique Santiago, secretario de Estado para a Axenda 2030 e secretario xeral do PCE. Na cabeceira da manifestación tamén se puido ver o ex eurodeputado de IU Willy Meyer e estivo presente, ademais, Sira Rego, portavoz de IU e responsábel de Acción Externa.

Activistas que se sumaron á mobilización da mañá do domingo en Madrid denunciaron o “método de disuasión” da Policía Nacional, que solicitaba a identificación de cidadáns a título persoal antes de dar comezo a marcha.

Faixa situada no Paseo do Prado (Imaxe: Cedida).

 

Entre as faixas que ondearon na manifestación podía lerse “A esquerda do sistema vendida á OTAN”, “Pola paz, OTAN non” (a de Izquierda Unida), “Saída inmediata da UE e da OTAN” (da Plataforma Anti OTAN de Zaragoza), “Non á OTAN, non á guerra” (do Collectif France), “Non á guerra. Polo coidado da vida e do planeta” (do Desfile Desarmado), “O petróleo alimenta as guerras” (Friday for Future), “Asturies pola Paz”, “Gastos militares para escolas e hospitais”, “Non aos orzamentos militaristas”, “OTAN non, bases fóra, Goberno cómplice” (Coordinación de Plataformas OTAN non, bases fóra), “Disolución dos Exércitos, decrecemento xa” (Solidaridad Obrera)... E, entre os cánticos, numerosas críticas ao envío de armamento á Ucraína por parte "do Goberno que di que é moi progre".

A marcha, chegando á praza de España (Imaxe: Cedida)