O abono gratuíto de Renfe, dispoñíbel desde hoxe: Como podo solicitalo?

Haberá que realizar un mínimo de 16 viaxes para que se devolva a fianza. (Foto: Renfe)
A compañía activará esta segunda feira o rexistro para solicitar os abonos, que requirirán do depósito dunha fianza.

Renfe abre esta segunda feira o rexistro para que as persoas clientas poidan solicitar o abono gratuíto para diferentes servizos ferroviarios, que comezará a funcionar o próximo 24 de agosto para os trens de Proximidade, Rodalies, Avant e Media Distancia.

Este rexistro é necesario para que os viaxeiros e viaxeiras frecuentes ou recorrentes destes servizos poidan adquirir o seu novo abono, bonificado a 100%. O rexistro estará aberto a través da propia web de Renfe e do conxunto das súas aplicacións.

O pasado 12 de xullo o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou que o Goberno bonificará 100% dos abonos de varias viaxes para Proximidade, Rodalies, Avant e Media Distancia operados por Renfe, polo que pasarán a ser gratuítos do 1 de setembro ao 31 de decembro deste ano.

Fianzas de entre 10 e 20 euros e un mínimo de viaxes

O Executivo restrinxiu a gratuidade destes trens ás persoas usuarias que realizan estes traxectos habitualmente, a través dunha fianza cuxa devolución estará supeditada á realización dun mínimo de 16 viaxes ao longo dos catro meses que durará esta medida.

A posibilidade de viaxar de balde nos trens de proximidade requirirá dunha fianza de dez euros, mentres que nos trens de Media Distancia ascenderá a 20 euros. Se se realizaron máis de 16 viaxes devolverase esta fianza, de forma automática se se pagou con tarxeta de crédito ou a través dunha solicitude presencial do usuario se se abonou por medio de diñeiro en efectivo.

A fianza pagarase no momento no que se adquira este novo bono especial creado para estes catro meses, que será unipersoal, é dicir, só poderá usalo unha persoa, e para un único traxecto en concreto.

Desta forma, o sistema desenvolvido evita que os fondos destinados a esta medida "vaian parar a usuarios ocasionais que só pretendan desprazarse en tren unas cantas veces por motivos de lecer", apuntan desde o Goberno español.