Compostela acolle hoxe un funeral en memoria das vítimas da COVID-19

Os falecementos aumentaron exponencialmente a causa da COVID-19 (Foto: E.P)
A cerimonia será oficiada polo arcebispo de Santiago coa colaboración do resto de bispos galegos

As dioceses galegas no seu conxunto celebrarán hoxe en Santiago de Compostela un funeral en memoria das vítimas da COVID-19.

A cerimonia será ás 12 horas na compostelá igrexa de San Francisco, onde o Arcebispado de Santiago realiza os seus actos mentres as obras de restauración manteñen fechada ao culto a Catedral compostelá. Estará presidido polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

Ademais, actuarán como concelebrantes os bispos das dioceses galegas e contarán coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

As diocese galegas lembraron que a celebración se realizará con "todas as medidas de protección vixentes na fase 3", na que se atopa Galiza, co cal, as persoas que desexen asistir poderán facelo até completar a capacidade. Ademais, a cerimonia será transmitida en directo pola Televisión de Galiza.

Na mesma xornada, segundo avanzou o presidente galego hai dúas semanas, a Xunta realizará tamén un acto civil en memoria dos falecidos pola pandemia.