Compostela, cando o traballo social vai de man da fundamentación teolóxica

Cociña económica de Compostela

Na capital da Galiza, os servizos sociais primarios están dominados pola Igrexa mais co- financiados con fondos públicos. Comedores sociais, albergues, centros de día e roupeiros conforman a protección asistencial que nun Estado social e laico son, na teoría, dereitos a preservar pola administración

 

A pasada semana, un sen teito morría na dársena de autobuses da zona norte compostelá, á entrada do casco antigo, lugar habitual para as persoas ás que o dereito á vivenda decidiu abandonar. E desta vez si. O escándalo desatouse cando o irmán e compañeir@s do finado denunciaron que funcionari@s do SERGAS, aos que chamaran cando este comezara a se atopar mal, desestimaron trasladalo a un centro médico por motivos que inda fican sen aclarar. E o varón valenciano amenceu morto.

Pola súa banda, o rexedor compostelán Ángel Currás, aproveitou a polémica desatada nos medios para pedir máis “sensibilidade” para con estas persoas. No entanto, os servizos sociais de base, xenuinamente municipais, están na capital da Galiza maioritariamente delegados a organizacións relixiosas. Aliás, no canto de conformaren unha estrutura sólida e permanente, cobren as necesidades de xeito intermitente. Un labor que, inda que necesario, xestiona os fondos públicos e as achegas da caridade privadas dende a fundamentación teolóxica.

"Os servizos sociais de base, xenuinamente municipais, están na capital da Galiza maioritariamente delegados a organizacións relixiosas"

Para a poboación sen vivenda, a orde dos Irmáns Franciscanos ofrece o Albergue de Xoán XXIII unha semana ao mes. A solución, rematado o prazo, pasa polos caixeiros, as casas okupas ou a famosa dársena de comboios, curiosamente situada nas inmediacións do albergue municipal. Canto as comidas, Compostela conta dende o ano 1891 coa Cociña Económica, iniciativa impulsada pola congregación das Irmás da Caridade, a cargo do Patronato de Santiago e financiada pola Xunta, a deputación da Coruña e o concello do Santiago, amais dos donativos de particulares e empresas e da propia Igrexa.

Onde non actúa o Estado

A directora do comedor social, sor Eshter Seoane afirma que, dende o estalido da crise, “a administración non recortou na partida orzamentaria destinada ao comedor” e que “o concello de Santiago incluso aumentou a cantidade da subvención”. A relixiosa explica este feito en base a que o goberno local “asume que a demanda é maior” e “porque saben que este é un servizo que debería estar en mans da administración.O Estado non puido asumir a súa responsabilidade en todos os ámbitos dos servizos sociais”, mantén Seone, “e, polo tanto, a Igrexa dende os seus inicios tivo de saír ao paso, tarefa que hoxe en día, contrae con maior intensidade”.

A cociña económica ofrece almorzos, xantares e ceas todos os días da semana, agás os domingos e festivos nos que se prescinde da derradeira comida da xornada. Por un prezo non superior aos 80 céntimos e cun espazo para un número elevado de usuari@s, as súas instalacións están sempre repletas. Porén, o servizo pecha durante todo o mes de agosto, cando se traslada a un local a cargo do Cáritas Diocesano de Santiago. Anexado ao comedor, encóntrase un centro de día no que se imparten talleres e se ofrece asesoramento. A súa traballadora social, Nazaret López, explica que o proxecto actúa de plataforma para “captar as persoas con dificultades económicas, familiares ou de drogodependencia e derivalas a centros e servizos sociais especializados”, quer para iniciar tratamentos quer para poñer en marcha os trámites encamiñados a petición de axudas económicas ou psicolóxicas, en función de cada caso.

Unha eiva de concepción

Nazareth López asegura que, na súa actividade diaria, procuran que @s usuari@s asuman responsabilidades para non caeren no asistencialismo.“Moita xente está acostumada a que lle dean todo feito e iso é negativo; por exemplo, van aos roupeiros e, tras utilizaren a roupa unha temporada, desfanse dela. Para que haxa éxito deben estar implicados nas actividades e isto vaille condicionar loxicamente a obtención de subsidios ou doutras axudas”, explica. Non obstante, hai de ter en conta que, malia existiren tres roupeiros en Compostela, os equipamentos para que os utentes laven a súa roupa son practicamente inexistentes, polo que o servizo fica limitado a unha simple acción de usar e tirar por unha eiva na súa mesma concepción.

Vieiro, un pequeno centro de día destinado a persoas con grave risco de exclusión social, tamén en mans do Cáritas, tivo en conta este problema nos servizos de hixiene e permite aos usuarios lavar a roupa a man, amais de contar coas necesarias instalacións para duchas de auga quente. Un sitio para tomar un café vendo a televisión e distintas actividades formativas a cargo do voluntariado é a oferta dun local que conta cunha psicóloga coma única traballadora, amais da axuda periódica do persoal de Cáritas. Ao igual que a Cociña Económica, actúa coma unha servizo de base para atraer as capas máis empobrecidas da poboación e as derivar a programas, centros e servizos sociais especializados.

Patricia Camiña, psicóloga de Vieiro, mantén que a pesar de que “obviamente se seguen as liñas de Cáritas” no traballo c@s utentes, “respéctase a súa liberdade” en cuestións que contradín os postulados do Vaticano coma é o caso do reparto de preservativos. “Non somos tan cerrados como a xente pensa, a Igrexa é moi grande e ten moitas correntes e a premisa básica é que traballamos con persoas; a ningún de nós nos pagan por xulgar”, defende. “Non nos interesa a relixión dos usuarios, nin a súa orientación sexual nin o partido político ao que pertencen”, engade, “para min é fundamental loitar contra os prexuízos sociais”. Canto a cidade de Santiago, a traballadora recoñece que “non conta recursos sociais de media e longa estancia. “Temos unha cociña económica, temos un albergue, roupeiros e centros de día pero, recursos municipais a prol da reinserción, non hai ningún”, denuncia.

A problemática da dirección única

Dende a CIG de Compostela, o seu secretario de organización, Renato Núñez mantén que esta situación se explica en base a liña ideolóxica do partido gobernante. “O Partido Popular procura a suplantación destes servizos a favor da Igrexa para favorecer o seu sustento económico e a súa imaxe perante a cidadanía”, reflexiona. Aliás, engade que nunha cidade como Santiago no que a Igrexa ostentou sempre un papel predominante na vida pública, estes servizos, aos que recoñece “un labor útil”, son utilizados “para captar unha cidadanía cada vez máis afastada da doutrina católica”. Identifica neste acercamento á poboación máis vulnerábel “un claro fin de adoutrinamento”, que “alén de aforrar cartos á administración mediante esmolas que non cobren as necesidades básicas da xente, son útis para que non se revolvan contra o Estado”, nun contexto de máxima alarma social.

Pola súa banda, a traballadora social Mar Castiñeira [nome ficticio] afirma, que nunha época de desmantelamento do Estado de benestar, a desprotección a causa da falta de financiamento “trasládanos a un pasado onde a atención ás necesidades sociais estaba en mans da Igrexa  coa única lóxica da caridade e a beneficencia”. Para Castiñeira, o feito de que os servizos sociais camiñen só na dirección do asistencialismo fará fracasar a loita contra as deigualdades sociais. “Se só sobrevive un punto de vista que xira en torno á beneficencia, a atención social se desprofesionalizará e, consecuentemente, non se poderá avanzar a prol dunhas medidas integrais”, descorre a traballadora social.

Neste senso, Renato Núñez afirma que este tipo de asistencia configura na Galiza unha forma máis de caciquismo que procura o agradecemento e fidelidade da xente como recompensa a unhas axudas puntuais. “A solución vén de nos organizarmos para exixir ao Estado que cumpra coas súas obrigas que non son outras que garantir os dereitos da poboación para que os máis desfavorecidos non teñan que acudir á beneficencia”, conclúe o sindicalista.