Compostela móvese contra o desafiuzamento dunha veciña de 70 anos

Ringleira de veciños e veciñas para entregar no Banco de Santander solicitudes instando a entidade non despexe Isabel E. Foto: @iriamendezgz

Ducias de persoas dirixíronse ao Banco de Santander -que pediu o embargo ao Xulgado- para demandarlle que paralice o despexo e que acceda a negociar.

Isabel E.F., veciña de Teo, viúva de 70 anos, terá que deixar a súa vivenda a vindeira semana, o 28 de febreiro. Hai unha orde de embargo decretada por un xulgado compostelán a petición do Banco de Santander e que implica o despexo desta persoa.

 

Para evitar que se chegue a ese punto, ducias de composteláns e compostelás achegáronse a primeira hora desta quinta feira, día 21, até a sede central do Santander na capital galega, situada na Praza de Galiza. Alí, entregaron solicitudes instando a entidade financeira a paralizar o despexo e a que accedese a negociar con Isabel e a súa familia para intentar acadar un acordo que evite o desafiuzamento. Entre as persoas que asistiron a esta convocatoria había concelleiros e concelleiras de Compostela Aberta e BNG.

 

A orixe do problema remóntase a hai case unha década, cando o marido desta veciña tivo que fechar a súa empresa após un concurso de acredores. Tiña varios créditos avalados persoalmente co Banco Pastor, que foi absorbido polo Popular e acabaron sendo adquiridos polo Santander.

 

Após a acción desta quinta feira chegouse a un acordo polo cal unha delegación (na que estarían en principio o alcalde de Teo, Rafa Sisto, e os edís composteláns Rubén Cela e Goretti Sanmartín)  iría á Coruña a negociar coa central o caso desta veciña.

 

Presenza policial

 

Varios axentes da Policía española personáronse no sucursal do Banco de Santander, onde procederon, segundo testemuñas presentes, a 'dispoñer' o acceso das persoas que querían entregar esa petición en grupos de dez en dez. Esa actuación motivou unha reclamación por unha das persoas presentes por entender que os axentes dunha forza de seguridade do Estado actuasen como gardas deseguridade do banco.

 

Desde 2008 até 2017 no noso país tiveron lugar máis de 19.000 lanzamentos hipotecarios (despexos. Así pois, neses meses houbo unha media de seis despexos cada día en Galiza, ou un cada catro horas.

 

As imaxes son de @iriamendezgz