O comunicador Marcial Mouzo será o pregoeiro da Festa do Melindre de Melide

Marcial Mouzo (Foto: Nós Diario)

 

O popular presentador e director do programa “Pensando en ti” da Radio Galega, en antena desde 1996, será tamén nomeado embaixador desta festa. O pregón terá lugar o domingo 12 de maio ás 12 horas na praza do Convento.

O coñecido comunicador Marcial Mouzo, todo un referente da radio feita na Galiza, será o pregoeiro da 32 edición da Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide, unha cita que figura marcada en vermello como unha das citas imperdíbeis no calendario gastronómico galego.

O pregón será o domingo 12 de maio ás 12 horas na praza do Convento. Melide acolle os días 11 e 12  a 32 esta festa que se celebrará en tres espazos diferentes que reciben o nome dos doces que se van a homenaxear: melindres, ricos e amendoados. O Espazo Melindre estará situado na praza do Convento, o Espazo Rico estará na praza dás Coles e o Espazo Amendoado, estará no Cantón de San Roque.

Mouzo é  unha voz inconfundíbel. Naceu en Camariñas (Terra de Soneira) en 1961. Empezou no mundo da comunicación na Radio  Galega, emisora na que permanece desde 1985 dirixindo e presentando programas de todo tipo: musicais como “Grandes Orquestras” , “Música da terra” ou “A Gramola ”, cos que empezou a súa relación co micrófono; o magazín “De troula” os sábados ou programas -espertador de moito éxito  como “Bo día Galicia ”, “Alborada” ou “Connosco” , cos que conseguiu importantes recoñecementos por parte dos seu s oíntes, que lle fixeron multitudinarias homenaxes en varias ocasións.

Mais o seu grande éxito viría co programa “Pensando en ti” , que dirixe e presenta. Este popular programa que se emite de 1 a 6 da madrugada, leva en antena desde o ano 199 6  conseguindo grandes cotas de audiencia e sendo líder na súa banda horaria. Ao longo destes anos, este comunicador recibiu numerosos premios e recoñecementos, entre eles o Premio Galicia de Comunicación en Radio.

Programa

Para o sábado 11 de maio, de 11 a 14 horas e de 16.30 a 20.30h no Espazo Amendoado no Cantón de San Roque —xunto co Espazo Melindre e o Espazo Rico, os tres espazos nos que se dividen as actividades da festa— haberá un obradoiro infantil de Pintura de Mandís a cargo de Leonor Díaz, de Como Pez en el Agua, destinado ás cativas e cativos. Tamén desde as 11.30 até as 15h, as rúas de Melide estarán amenizadas pola Charanga Alambique.

Ás 17h haberá a cargo da contadora de contos Sole Felloza unha actividade de Cociña de Contos para o público familiar con degustacións divertidas e elaboradas polo cociñeiro Alex Iglesias. E para fechar o día, ás 20h haberá un Showcooking con concerto en directo con degustación de produtos da Terra de Melide a cargo do cociñeiro e Embaixador do Melindre Gorka Rodríguez.

O domingo 12 terá lugar o nomeamento de embaixadores. E durante a mañá as e os asistentes gozarán da animación de rúa coa Fanfarria Taquikardia e co grupo Froito Novo, tamén embaixadores da festa. Pola tarde, concerto infantil dentro da programación do Melindriño, a dedicada aos máis pequenos, de Uxía Lambona e a banda molona, na praza do convento, e xa para fechar esta 32.ª edición, na praza das Coles, ás 19h, actuará Luar na Lubre, que presentará o seu último disco, Encrucillada.