O Concello de Barro alegará contra o parque eólico de Castrove

Aeroxeradores no parque eólico de Sil e Meda, en Esgos, comarca de Ourense (Fotos: Agostime / Europa Press).
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), confirmou esta quinta feira que o Concello presentará alegacións ao proxecto.

A plataforma 'Non ao parque eólico do Castrove' e a veciñanza de Meis (O Salnés), Poio, Barro e Pontevedra (na comarca homónima) veñen de iniciar unha campaña de recollida de sinaturas contra o proxecto do parque eólico do Castrove, cuxo estudo de impacto ambiental e solicitudes de autorización administrativa se someten a información pública desde esta quinta feira e por un período de 30 días.

Neste tempo, o conxunto veciñal chama a participar nunha alegación colectiva que se pode formalizar en distintos estabelecementos comerciais dos concellos afectados.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), confirmou esta quinta feira que o Concello presentará alegacións ao proxecto, para o que xa encargou a distintos departamentos técnicos municipais o estudo da documentación enviada pola da Xunta da Galiza.

O proxecto prevé a colocación de catro aeroxeradores de 200 metros de altura e unha liña de evacuación de alta tensión para transportar a enerxía, unha infraestrutura que causaría "un enorme impacto na parroquia de Curro", advirten.

Eólicos no Senado

Aliás, a senadora do BNG, Carme da Silva, dixo esta quinta feira que exixirá no Senado parar os proxectos eólicos de Xubrintas -15 aeroxeradores- e Alamoceiros –18- polo seu dano ambiental á Estrada, Cercedo-Cotobade e Campo Lameiro