Becerreá inicia con polémica as obras para unha nova casa do Concello con toda a oposición en contra

Obras no concello de Becerreá (Foto: cedida).
Segundo informan desde a oposición (PP, BNG e PSdeG), a obra ten un custe de 1,3 millóns de euros aproximadamente, algo que consideran un gasto “totalmente innecesario”.

A polémica chegou ao Concello de Becerreá. Neste concello da comarca dos Ancares, o partido de Goberno, Galicia Sempre, decidiu derrubar unha casa histórica, coñecida como a ‘Casa do médico’, que lle foi cedida gratuitamente para construír unha nova Casa do Concello.

Todas as formacións da oposición becerrense (PP, BNG e PSdeG) mostraron o seu rexeitamento a está actuación por parte do Goberno que dirixe Manuel Martínez.

Segundo informan desde a oposición, a obra ten un custe de 1,3 millóns de euros aproximadamente, algo que consideran un gasto “totalmente innecesario”.

Argumentos

O principal partido da oposición, o PP, asegurou que esta obra por parte do Goberno responde a motivos electoralistas: “a pouco máis dun mes das eleccións, o Concello empezou esta barbaridade urbanística e económica de máis dun millón de euros”.

“Desde o PP de Becerreá mantemos o noso rexeitamento absoluto a esta obra innecesaria para os becerrenses”, acrecentan os populares.

Pola súa parte, desde o BNG de Becerreá tamén cualifican a obra de “innecesaria”.

“Derruban unha casa antiga que lles foi cedida gratuitamente para facer un concello diante do actual, algo totalmente incensario”, manifestan os nacionalistas.

No caso do PSdeG, mostran a súa disconformidade alegando que “sobra onde meter os cartos, e non ‘despilfarralos’ en obras sen xeito”.

“Tal cantidade de diñeiro, ben investida, faría de Becerreá unha potente cabeceira de comarca, con vantaxes e servizos para quedar e non querer ou ter que marchar. Non vemos en que nos vai beneficiar isto, todo o contrario”, salientan os socialistas.