O Concello de Pontevedra comeza a batalla legal contra a prórroga a ENCE

Remite ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente un requerimento previo no que insta a anular a prórroga.

O Concello de Pontevedra deu comezo á batalla legal contra a prórroga concedida polo goberno en funcións a Ence para seguir na Ría de Pontevedra até 2073. Unha Xunta de Goberno extraordinaria, convocada esta terza feira, acordou remitir ao Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente un requirimento previo no que o goberno municipal insta á anulación da devandita prórroga.

O concelleiro Luís Bará explicou que este paso é un trámite previo á interposición dun recurso contencioso administrativo contra a resolución de Medio Ambiente. Nun informe de máis de trinta páxinas e que alega catorce argumentos legais, o Concello de Pontevedra asegura que se cometeron "defectos" no procedemento administrativo, máis aló da caducidade da concesión ditaminada polo Tribunal Supremo e recoñecida parcialmente por Costas nunha orde ministerial, algo que "impediría xa de seu" que se outorgue a prórroga a Ence.

Tamén denuncian non poder acceder á copia do expediente, que Medio Ambiente non solicitou no seu día o preceptivo informe municipal, que este trámite non foi sometido a exposición pública nin foi publicado nos diarios oficiais "a pesar de afectar a unha pluralidade indeterminada de posibles interesados" ou que o Goberno non respondeu en tempo e forma ás alegacións presentadas. O Concello lembra tamén que a prórroga foi aprobada por un Goberno en funcións "extralimitándose" nas súas competencias.

Medio Ambiente terá agora un prazo dun mes para responder a este requirimento. En caso de contestar negativamente ou non facelo por silencio administrativo, o Concello terá dous meses para presentar un recurso contencioso administrativo ante a Audiencia Nacional.