O Concello de 'La Coruña' financia un evento de moda co lema sexista 'Antes muerta que sencilla'

Un 'muppi' con esta publicidade, que emprega a forma ilegal do topónimo, está colocado nas inmediacións do local de Velaluz. Esta asociación leva desde o 15 de outubro en folga de fame contra a violencia machista.


O Concello da Coruña destina 180.000 euros ao financiamento da segunda edición do 'Wapa Coruña', un evento de moda que se publicita con lemas sexistas como Antes muerta que sencilla ou La belleza está en el interior del vestidor.

A campaña emprega o topónimo ilegal 'La Coruña' e o goberno que dirixe Carlos Negreira (PP) consentiu a colocación dun valo nas inmediacións do local da asociación Velaluz, que leva desde o 15 de outubro en folga de fame contra a violencia machista.

Así as cousas, das dez mulleres que encetaron a vixilia catro sufriron problemas de saúde derivados da vixilia e requiriron de atención hospitalaria.

O Concello non se interesou en ningún momento nin polo seu estado nin polas súas demandas. Moi ao contario, espetou perto do seu local un 'muppie' en que se le a frase Antes muerta que sencilla.

Por derradeiro, cómpre sinalar que este evento, que pretende dinamizar os barrios da cidade con cen actuacións que inclúen desde desfiles de moda até manicura, non emprega o galego nin na publicidade nin nas comunicacións.