O Concello da Coruña declara a "emerxencia sanitaria total"

Montón de lixo, este domingo na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
A folga na recollida do lixo dura xa seis semanas.

O Concello da Coruña declarou a "emerxencia sanitaria total", e estendeuna "a toda a cidade" polo conflito no servizo de recollida de lixo "até que se normalice por completo". Así o anunciou a rexedora local, Inés Rei, pois a "emerxencia" anteriormente estaba centrada nun mapa de puntos sensíbeis con máis acumulación de residuos.

Porén, a partir de agora "xa é total e completa, e esténdese a toda a cidade", explicou, engadindo que os traballadores da firma Valoriza -encargados do reforzo do servizo- ampliarán a súa xornada ás tardes de segundas feiras a domingo.

Ademais, volveu esixir á empresa concesionaria, Prezero, que "siga tomando medidas contundentes e sancionando", en alusión tanto aos despedimentos como ás multas. "Non se pode permitir a presenza dun sindicato que pretenda controlar a contratación dun servizo público", apostilou.

Polo contrario, o portavoz do comité de empresa do ente sinalado pola alcaldesa, o Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), Alfonso Seijo, atribuíu o feito de que quedasen na cidade barrios con lixo sen recoller a que "non saen servizos, non pola folga, senón porque non teñen persoal".

Esta situación vinculouna co "despedimento de cinco persoas, a sanción de 28 e a que non se contrate". "A empresa está a aforrarse moito diñeiro, e a alcaldesa, en lugar de obrigala a respectar os servizos mínimos, non fai máis que pedir que roden cabezas", criticou.

Con todo, apelou á vontade de chegar a un acordo, aínda que argumentou que "coa actitude da alcaldesa e a empresa non imos chegar a ningún lado". 

Tres persoas atendidas polo fume nun colector

Seijo insistiu moito en descartar a "vinculación" do comité e o sindicato STL coa queima de colectores que vén sufrindo a cidade herculina ao longo das últimas noites.

Na madrugada da quinta á sexta feira, o lume rexistrado nun que estaba situado na rúa Ramón Del Cueto fixo que tres persoas que vivían no edificio a carón do mesmo recibisen atención médica por inhalación de fume.

Este suceso levou Inés Rei a condenar uns "actos vandálicos" de "violencia extrema". "Son accións delituosas que non teñen ningunha xustificación", dixo, á espera de que a investigación aberta esclareza os feitos.