O Concello da Coruña pagará 172.339 euros en misas para herdar un edificio histórico

O edificio, no centro da imaxe, está na Praza de Pontevedra

O porpietario legouno no seu día á cidade a cambio de que a administración local pagase unhas misas na súa memoria e velase pola súa sepultura. 

O Concello da Coruña abonará 172.339 euros para herdar o edificio que o filántropo Manuel Piñeiro Pose legou á cidade a cambio de que a administración local pagase unhas misas na súa memoria e velase pola súa sepultura. Isto tiña un custo de 140.000 pesetas en 1940, momento do seu falecemento, que foi actualizado ao seu valor en 2021.

Así o explicou a alcaldesa, Inés Rey, durante unha rolda de prensa na que informou dos asuntos da Xunta de Goberno Local.

Rey lembrou que este trámite tiña que producirse en 1970, mais que non foi até 1999 cando empezaron as xestións municipais.

A rexedora lembrou que actualmente hai veciños e veciñas residindo no edificio

A rexedora lembrou que actualmente hai veciños e veciñas residindo no edificio, con todo pediu "tranquilidade", xa que o Concello analizará cada situación "en profundidade" e respectará os contratos asinados e "os dereitos dos inquilinos".

Segundo expuxo, o obxectivo é que a "medio prazo" o edificio se destine a "usos públicos".

Inés Rey cualificou o inmóbel como "histórico", e destacou o seu valor, "non só económico, senón tamén arquitectónico e de patrimonio". "El quería que fose para os coruñeses e para os coruñeses será", engadiu.