O Concello da Coruña pide á Fiscalía investigar a folga do lixo

Montón de lixo, este domingo na Coruña (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O Consistorio herculino quere que se investiguen os actos vandálicos destas semanas na Coruña. 

O Concello da Coruña presentou esta cuarta feira un escrito ante a Fiscalía Provincial no que denuncia "os feitos relacionados coa situación de insalubridade e a folga de lixo por se fosen constitutivos de delito" e para pedir que se investiguen "os actos vandálicos derivados deste conflito e tamén a folga convocada". O Consistorio recalca, nun comunicado, que no terceiro día de folga indefinida "a pesar de non ter ningún seguimento por parte do persoal, esta tampouco realiza o traballo con normalidade" e o lixo seguía acumulado nas rúas da cidade herculina.

Todo iso nun contexto de paros convocados polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo do que denominan "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" do convenio.

Na situación actual, en relación ás porcentaxes de recollida, a empresa concesionaria, Prezero, informa que non se recolleu nos barrios de Sagrada Familia, A Sardiñeira-Elviña, Os Mallos, O Castrillón e Os Castros. Mentres en Pescadaría-Centro foi de 95%; en Estadio, de 60%; en Ventorrillo-Agra do Orzán, 45%; en Monte Alto,  20%; Os Rosais-Labañou, 15%; e 10%, en Cidade Vella.

Por outra parte, a empresa Valoriza, encargada de reforzar o servizo, recolleu un total de 329 toneladas de lixo desde que comezou a traballar o pasado 25 de xullo. 

Respecto aos actos vandálicos, o Concello informou dun incendio na madrugada desta terza feira na rúa Bordeus. Desde o inicio do conflito arderon 149 contedores, o que supón un custo para o municipio de 400.000 euros.