O Concello da Illa de Arousa denuncia danos nun cruceiro do século XIX e busca os responsábeis

O cruceiro que sufriu danos na Illa de Arousa (Foto: Concello da Illa de Arousa).
"O atentado contra o cruceiro deixou a súa cruz rota en dez anacos, que o Concello custodia no almacén municipal á espera de coordinar con Patrimonio como proceder á súa restauración", indicou o Concello.

O Concello da Illa de Arousa formalizou esta segunda feira ante a Garda Civil a denuncia polas desfeitas vandálicas no cruceiro situado na rúa Illa ocorridos na madrugada deste domingo e que, ao seu xuízo, conforman un delito contra o patrimonio histórico xa que se trata dun ben datado no século XIX.

Tal como indicou nun comunicado o Goberno local, desta maneira dará comezo unha investigación para buscar testemuñas que permitan identificar as persoas implicadas no acontecemento.

Os feitos

"O atentado contra o cruceiro deixou a súa cruz rota en dez anacos, que o Concello custodia no almacén municipal á espera de coordinar con Patrimonio como proceder á súa restauración", indicou o Concello.

Neste sentido, o concelleiro de Servizos, Luís Arousa, mostrou a súa intención de devolver o conxunto ao seu estado orixinal, recompondo os anacos até formar unha única peza que volva coroar o cruceiro.

Posíbel reposición artesanal

 De non ser posíbel, apostou pola súa reposición artesanal.

Arousa considerou "inaceptábel" que se atente contra o patrimonio común con total impunidade e solicita á veciñanza colaboración cidadá para esclarecer os feitos e velar pola conservación de elementos históricos e de obras novas que están en execución.