O Concello de Dodro escolle Vigo para acender o seu alumeado de Nadal

Casa do concello de Dodro (Foto: Alejandro Cardama).
O alcalde, Xabier Castro, será o encargado, xunto coa veciñanza que queira achegarse até Vigo, de acender as luces ás 21 horas deste sábado, segundo informa o Concello.

O Concello de Dodro (comarca do Sar) tira de ironía e escolle Vigo, unha aldea do municipio, para acender a súa iluminación do Nadal este sábado sen necesidade de "viaxar ás Rías Baixas".

O alcalde, Xabier Castro, será o encargado, xunto coa veciñanza que queira achegarse até Vigo, de acender as luces ás 21 horas, segundo informa o Concello.

"Non necesitamos millóns"

"Non necesitamos de millóns de euros para gozar do Nadal, nós tamén temos un Vigo, na parroquia de Dodro, co que acender unhas festas tan nosas, ademais de aforrar diñeiro en desprazarnos ao Vigo de Pontevedra", explica o rexedor.

No caso da cidade de Vigo, as famosas luces teñen producido colapsos de tráfico en varias datas. Ante esta situación, o alcalde, Abel Caballero, celebrou o “cheo apoteósico da cidade”.

Nun audio gravado e remitido aos medios, o rexedor olívico subliñou que a campaña do Nadal da cidade "está a ser excepcional" e recalcou que o nivel de ocupación dos aloxamentos a pasada fin de semana foi de "100%".