O Concello de Neda mostra o seu pesar polo adolescente falecido en Benicàssim

Unha ambulancia nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
Pola súa parte, o alcalde de San Sadurniño (comarca de Ferrol), Secundino García, lamentou este falecemento e explicou que se pon "ao dispor da familia e do equipo", que é deste municipio.

O Concello de Neda (comarca de Ferrol) mostrou esta sexta feira o seu pesar pola morte de Antón, o mozo de 16 anos veciño deste municipio falecido na piscina dun hotel de Benicàssim (Castelló, País Valencià).

O alcalde, Ángel Alvariño, expresou que hai "moita" conmoción no municipio polo falecemento deste mozo residente na parroquia de Xubia. Agora, está previsto decretar proximamente loito no municipio por esta traxedia.

O mozo de 16 anos era xogador do equipo de voléibol Aldebarán San Sadurniño, club co que participaba no Campionato de España Cadete que se disputa en Castelló. A corporación municipal de Neda manda "todo o apoio e agarimo para a familia, amigos e compañeiros".

Pola súa parte, o alcalde de San Sadurniño (comarca de Ferrol), Secundino García, lamentou este falecemento e explicou que se pon "ao dispor da familia e do equipo", que é deste municipio. Está previsto que o equipo volva á Galiza en autobús este sábado. Familiares do adolescente desprazáronse até a localidade do País Valencià.

Suceso

O suceso produciuse na mañá desta sexta feira. Tras recibir o aviso do 112, a Garda Civil activou o protocolo xudicial e está á espera dos resultados da autopsia para esclarecer as circunstancias do falecemento.

Pola súa parte, o Centro de Información e Coordinación de Urxencias (CICU) detallou que sobre as 11.20 horas recibiu o aviso de que se sacou da auga inconsciente a un menor da piscina dun hotel. Até o lugar, mobilizouse unha unidade médica que realizou a reanimación cardiopulmonar avanzada e outras técnicas de recuperación ao mozo, mais non houbo resposta e confirmaron o seu falecemento. A autopsia xudicial revelará as causas do afogamento.

Segundo a Real Federación Española de Voleibol Federación, o menor "estaba a gozar, xunto aos seus compañeiros, da piscina e as instalacións do hotel no que se atopaba aloxado, durante a mañá libre que outorgaba o calendario de competición". En memoria de Antón, decretouse un minuto de silencio en todos os partidos das competicións que se disputen esta fin de semana.