O Concello de Nogueira de Ramuín denunciado por “agresións ao patrimonio da Ribeira Sacra”

Penedos do Castro (Foto: Turismo Ribeira Sacra)

Amigos da Terra presentou unha denuncia pola pola construción dun miradoiro en Penedos do Castro por “carecer de calquera tipo de autorización”.

A asociación Amigos da Terra presentou unha denuncia contra o Concello de Negueira de Ramuín denuncia “pola construción dun miradoiro en Penedos do Castro, Pombar-Santo Estevo de Ribas do Sil por ditas obras presumibelmente carecer de calquera tipo de autorización”.

Esa actuación, apuntan, afecta a conservación de dito patrimonio e supoñen “un atentado contra un dos valores arqueolóxicos e históricos da Ribeira Sacra”.

“Penedos de Castro xa é por se mesmo un miradoiro natural privilexiado da Ribeira Sacra, grazas a unha das mellores vistas do mosteiro de Santo Estevo e tamén dende onde se pode observar as unións do val do Río Sil co do Río Cabe,  e non é necesario facer ningún tipo de intervención artificial”, di Amigos da Terra.

Estas construcións, indican, afectan o mencionado patrimonio cultural do castro na zona da muralla e nunha inscrición medieval, “tratándose ademais dun espazo protexido e de interese histórico e non se respectan as distancias mínima de perímetro de protección segundo a lei de protección do patrimonio da Galiza”.

Amigos da Terra informa que recibiu un escrito do Servizo de Coordinación Cultural da provincia de Ourense no que comunican que o Concello de Nogueira de Ramuín ten aberto expediente  por infracción administrativa  por falta grave en virtude do artigo 130d da lei 5/2006, do 4 de maio, de Patrimonio Cultural a Galiza: "A realización de calquera intervención nun ben declarado de  interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de  amortecemento sen a autorización previa da Consellaría competente en materia de  patrimonio cultural, cando esta sexa preceptiva, ou contravindo os termos da  autorización concedida, e cando ocasione un dano a este  ben".

Considera Amigos da Terra, “que xa son horas de que as administración públicas da Galiza compatibilicen o desenvolvemento das innecesarias infraestruturas coa protección do patrimonio cultural e natural e non se pode seguir atentando contra o "patrimonio da humanidade" da Riberia Sacra mentres sofre toda clase de agresións aos seus valores naturais”.

A implicación veciñal é imprescindíbel para pór en evidencia o deterioro do patrimonio galego. Cada vez son máis as denuncias que chegan de particulares sobre elementos que contan, no papel, coa protección das Administracións e que están en perigo de desaparición.