O Concello de Pontevedra expresa o seu apoio á veciñanza do rural afectada por polígonos eólicos

A enerxía eólica implantada no país produciu até 73% da electricidade total consumida na Galiza durante 2022 (Foto: Luis Vilanova).

O grupo municipal do PP abstívose acusando BNG e PSdeG de querer "gañar votos”.

O pleno do Concello de Pontevedra celebrado esta segunda feira aprobou unha moción de apoio aos veciños e ás veciñas das zonas rurais nas que se pretenden construír parques eólicos. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do BNG e o Partido PSdeG, mentres que o PP abstívose.

Segundo recolle a iniciativa, no municipio de Pontevedra son tres as "macroinstalacións industriais" proxectadas nos montes da Fracha, O Castrove e O Acival que, segundo o concelleiro nacionalista Alberto Oubiña, "espolian e depredan o territorio", provocan un "grave impacto ambiental", poñen en risco espazos naturais e mananciais de auga e xeran molestias acústicas e visuais.

Pola súa banda, o portavoz socialista, Iván Pontes, engadiu na súa intervención que a Galiza debe aproveitar as oportunidades que crea o actual escenario de transición enerxética, pero isto "non se pode facer de maneira irresponsable". Ademais, apuntou que os parques eólicos deben xerar riqueza na zona e instalarse "en consenso cos veciños".

Finalmente, o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, asegurou que comparten a preocupación veciñal pero xustificou a abstención do seu grupo en que os proxectos de parques eólicos que son aprobados pasan tramitacións ambientais "exixentes" e que se trata "dunha enerxía limpa e renovábel", acusando a BNG e PSdeG de querer "gañar votos" con esta iniciativa.

Moción do PP

Nesta mesma sesión plenaria foi rexeitada unha moción presentada polo grupo municipal do Partido Popular na que demandaba a elaboración dun estudo independente que analizase as causas da perda poboacional de Pontevedra "e ofreza solucións, porque o futuro con este goberno é incerto", dixo Rafa Domínguez.

Na defensa da súa proposta, o portavoz do PP sinalou que o número de habitantes da cidade baixou nos dous últimos anos, afirmando que este descenso "imparábel" estaría relacionado coa ausencia dun Plan Xeral de Ordenación Municipal, coa falta de emprego, así como co atraso na concesión de licenzas, a existencia de impostos "moi elevados" ou cos problemas de transporte e aparcamento.

O concelleiro César Mosqueira, en nome do goberno municipal, acusou á iniciativa do PP de basearse en propostas "radicalmente falsas" e de divulgar teorías "que non se soportan en nada" cando existe un problema demográfico "en conxunto".

Finalmente, a Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade unha moción na que se reclama que se implante a titulación de Enoloxía no campus de Pontevedra.