A 'Alba de Compostela' recoñece este ano Concha Losada, Xaquín Mato, Mabel Loza e Miguel Fernández

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Compostela. (Foto: Nós Diario)
O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago vén de elixir por unanimidade as catro persoas que serán recoñecidas na 'Alba de Compostela' de 2024 polas súas respectivas traxectorias persoais e profesionais, persoas que traballan "de forma continuada" por Compostela.

O Teatro Principal volverá acoller o vindeiro 25 de xullo, a partir das 19.30 horas, o acto 'Alba de Compostela'. Ao igual que o ano pasado, para a escolla destes recoñecementos tívose en conta o arraigamento social, a relevancia e a proxección de cada persoa proposta. Seguindo estes criterios, a segunda edición da 'Alba de Compostela' renderá homenaxe a Concha Losada Vázquez, Xaquín Mato Castro, Mabel Loza García e Miguel Fernández Blanco.

Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, é premiada "polo seu traballo a prol da preservación, da valoración e da divulgación do legado cultural galego, asumindo a responsabilidade da xestión e da representación institucional dun Museo que se sitúa como referente no estudo e na promoción do patrimonio histórico-antropolóxico da Galiza".

A Xaquín Mato Castro, propietario da Papelaría Xaquín e ex presidente da Asociación Veciñal Raigame, distíngueselle "pola súa dedicación profesional ao comercio de proximidade, apostando pola calidade e pola atención personalizada e en galego, e pola súa implicación persoal no movemento asociativo, promovendo o espírito de comunidade e canalizando a voz da veciñanza do Ensanche compostelán".

No caso de Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CiMUS, tívose en consideración "a súa traxectoria científica", así como "o seu liderado no descubrimento e desenvolvemento de fármacos a nivel internacional" e o "impulso á transferencia de coñecemento da Universidade á industria farmacéutica, co obxectivo de promover beneficios sociais na saúde pública".

Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas, foi recoñecido "polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante, e pola súa contribución á loita pola dignificación das condicións laborais para todos os segmentos de poboación, con especial incidencia para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo".

A 'Alba de Compostela' inspírase no coñecido discurso 'Alba de Gloria' que Castelao pronunciou en Bos Aires o 25 de xullo de 1948, onde fai unha semblanza de personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e da Galiza e no que formula un desexo de esperanza no futuro.

Lucía Freitas, pregoeira do Apóstolo

Por outra parte, o Concello de Compostela anunciou esta mesma sexta feira que a cociñeira Lucía Freitas será a encargada de ler o pregón que dará comezo ás Festas do Apóstolo deste ano. Será a vindeira sexta, día 19, a partir das 21.30 horas desde o balcón do Pazo de Raxoi. Na rolda de prensa de presentación, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, defendeu a escolla de Freitas como pregoeira "porque representa dunha maneira magnífica os valores do noso Concello" e "ten un recoñecemento non só en Santiago de Compostela, senón tamén a nivel galego estatal e fóra das nosas fronteiras".

Freitas expresou o seu agradecemento polo convite do Concello que lle permitirá "poder falar desde o corazón para a que é para min a mellor cidade do mundo" e defendeu a súa cociña como unha maneira de "transmitir os nosos valores, o territorio no que vivo e o noso ecosistema".

Pola súa parte, a concelleira de Festas, Pilar Lueiro, anunciou que "para dar continuidade ao éxito acadado o pasado ano cunha praza o Obradoiro ateigada de bailadores e bailadoras facendo filas, rodas, sacando puntos", o Concello organizará novamente unha gran foliada popular para amenizar a noite do pregón.

Goretti Sanmartín, Lucía Freitas e Pilar Lueiro, esta sexta feira. (Foto: Nós Diario)

A edila animou a "todas as persoas das escolas de baile e grupos folclóricos, grupos de amigos, amigas, por xunto, por separado…" a que se acheguen ao Obradoiro o vindeiro 19 de xullo a partir das 20.30 horas para formar parte deste "espectáculo de baile e canto colectivo, sen importar a idade, condición física ou experiencia".

Despois do pregón, ás 22:15 horas, a praza da Quintana acollerá o concerto de Dakidarría, unha banda galega que fusiona ska, reggae, punk-rock e ritmos urbanos cheos de enerxía a que chega a Santiago para presentar o seu novo disco ‘XX’, rexistrado en directo en dous festivais emblemáticos da súa terra como son Revenidas e Castañazo Rock.