O Concello de Santiago pon en marcha o estudo sobre vivenda

Pleno municipal desta sexta feira en Santiago (Foto: Nós Diario).
Iago Lestegás (BNG), avanzou esta sexta feira no pleno ordinario que xa está en marcha o estudo sobre o mercado residencial que realiza o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña.

O concelleiro de Urbanismo e Vivenda de Santiago, Iago Lestegás (BNG), avanzou esta sexta feira no pleno ordinario que xa está en marcha o estudo sobre o mercado residencial que realiza o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña.

Precisamente, esta quinta feira mantivo unha reunión no Pazo de Raxoi con dous integrantes deste grupo de investigación, no que puideron analizar os primeiros resultados, de carácter provisional e preliminar.

No transcurso do pleno, en resposta a unha interpelación socialista, Iago Lestegás remarcou que o goberno municipal "non agarda de brazos cruzados a que se resolva a problemática do arrendamento de tempada" e impulsou esta acción aínda que "esta documentación debería preparala a propia Xunta".

Ademais, explicou que o Goberno municipal considerou conveniente e "prudente" agardar a que o Goberno español complete a regulación do prezo do alugueiro incorporando tamén a ela o arrendamento de tempada, porque agora mesmo é unha "fenda" na lei polo dereito á vivenda e para evitar efectos non desexados acontecidos noutros territorios nos últimos meses. 

Lestegás, no pleno, informou da xuntanza co Grupo de Estudos Territoriais, que mostrou resultados preliminares e provisionais do seu traballo.

Neles revélase, segundo o concelleiro, que o que máis "tensiona" o mercado residencial de Santiago de Compostela é o arrendamento e que o indicador dos previstos no artigo 18 da lei polo dereito á vivenda que mostra resultados máis alarmantes é a variación acumulada do prezo do alugueiro entre 2018 e 2023.