Polémica en Tomiño tras elixilo a revista 'Viajar' como "unha das vilas máis feas" a través da intelixencia artificial

O municipio de Tomiño visto desde o concello portugués veciño de Vila Nova de Cerveira. (Foto: Nós Diario)
A alcaldesa, Sandra González, "consciente da gravidade desta ofensa", vén de enviar unha carta ao director da revista solicitando a retirada inmediata do artigo.

O Concello de Tomiño manifestou esta sexta feira, a través dun comunicado, o seu "absoluto rexeitamento" á inclusión do municipio nunha listaxe dos "pobos máis feos de España" publicada recentemente na Revista Viajar, unha clasificación baseada na opinión do sistema de intelixencia artificial ChatGPT.

A alcaldesa, Sandra González, "consciente da gravidade desta ofensa", vén de enviar unha carta ao director da revista solicitando a retirada inmediata do artigo publicado. Así mesmo, na misiva insta a Revista Viajar a "que resarza do dano creado na imaxe do concello" con esta publicación.

Como parte das accións en resposta a esta publicación, a rexedora levará ao próximo pleno do próximo 10 de setembro unha proposta de Alcaldía para que sexa aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal, amosando así a "unidade e determinación de Tomiño na defensa da imaxe e valores" do concello.

A proposta incluirá unha demanda formal á Revista Viajar para que envíe un equipo xornalístico ao municipio, co obxectivo de realizar unha reportaxe "con rigor e seriedade" que "reflicta fielmente a realidade de Tomiño". De non atenderse estas solicitudes, o Concello estudará a posibilidade de emprender accións legais para "salvagardar o bo nome de Tomiño e da súa veciñanza", que "traballa día a día para conservar o patrimonio natural, cultural, histórico e patrimonial do municipio".

"Non entendemos unha publicación dos pobos máis feos máis alá do puro interese sensacionalista, toda vez que non existen pobos feos. A Revista Viajar ten que saber o dano que está creando e imos facerlle chegar que Tomiño é moi fermoso e que estamos xuntos e xuntas na defensa da nosa dignidade como concello", salientou González.