O Concello de Vigo asegura que a Policía Local "non detectou actividade" do ‘Saltamontes’ na tarde do accidente

Atracción onde aconteceu o accidente. (Foto: Europa Press)

O BNG pide a comparecencia da concelleira de Seguridade e o PP critica que o Goberno municipal pretenda "lavar as mans".

O Concello de Vigo asegurou esta terza feira que a Policía Local "non detectou actividade" do Saltamontes na tarde da pasada sexta feira, horas antes de que se producise o accidente que acabou coa vida do mozo Iván Castaño nas festas da parroquia de Matamá.

Noutro conciso comunicado enviado aos medios de comunicación, o Goberno local insiste en que "tanto o titular da atracción como a comisión de festas" tiveron notificación escrita da falta de autorización para a posta en funcionamento do aparato por non atender os requirimentos de documentación.

"Tras enviar a notificación, a Policía Local trasladouse ao lugar na tarde da sexta feira e non detectou actividade", indicou agora o Goberno local, lembrando que o ocorrido está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo, que "conta con toda a colaboración do Concello".

Precisamente o comunicado do Concello chegou escasos minutos despois de que o PP de Vigo denunciase "abandono de funcións" na supervisión da atracción accidentada en Matamá, pedindo "respostas aos interrogantes que hai no aire".

Por outra parte, o BNG de Vigo solicitou a comparecencia da concelleira responsábel de Seguridade, Patricia Rodríguez, así como do xefe de servizo, Antonio Vivero, para que expliquen o ocorrido.

"Algo tan grave como o sucedido nas festas de Matamá non se pode despachar con comunicados enlatados, sen atender preguntas nin dos medios de comunicación e sen dar explicacións", reivindicou o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas.