Os concellos galegos teñen 21% recursos menos que os estatais

Negueira de Muñiz (comarca da Fonsagrada), o concello con menos habitantes da Galiza (240). (Foto: Concello de Negueira)
O volume de recursos administrados polos concellos galegos, en termos de euros por habitante, fica no 79,1% da media estatal, diferenza que é aínda máis acusada canto menor é o tamaño dos municipios. O ingreso por habitante nos concellos galegos é de 1.034 euros de media e nos españois de 1.258 euros por persoa.

A realidade diferencial entre os concellos galegos e os do resto do Estado en canto a recursos financeiros ten a súa orixe tanto en factores esóxenos, "ao ser discriminados de forma negativa os municipios galegos na repartición da participación nos ingresos do Estado"; como en factores endóxenos, ao non exercitar de forma equivalente a súa capacidade tributaria, sendo estes últimos os responsábeis principais das desigualdades existentes. Así se recolle en A Economía Galega 2023, obra colectiva publicada polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC.

Polo que respecta aos ingresos dos concellos galegos derivados da súa participación nos recursos do Estado, no sistema vixente prímanse os municipios de maior tamaño en detrimento dos máis pequenos, ademais de non ter en conta de maneira adecuada factores como a dispersión da poboación. "Esta situación resulta moi prexudicial para os municipios galegos, que ingresan menos que os do resto do Estado, e explica parcialmente as diferenzas anteriores", indícase no informe.

En todo caso, esta menor capacidade de gasto dos concellos galegos débese, explica este traballo, na súa maior parte, ao exercicio limitado da súa capacidade tributaria. 

En 2023 os concellos galegos ingresaron 1.034 euros por habitante

Os ingresos por tributos propios, en termos de recadación en euros por habitante, tan só representan ao redor de 78% da media estatal; o que evidencia unha significativa inhibición fiscal respecto ao exercicio da autonomía e capacidade que a normativa vixente outorga aos municipios en materia tributaria. Porén, tamén cabe destacar a tendencia á corrección nestas diferenzas, ao diminuír en máis de 14 puntos durante os últimos quince anos. En 2023 os concellos galegos ingresaron 1.034 euros por habitante mentres que a nivel de todo o Estado a cifra foi de 1,258 euros.

Dependencia

Tamén sobre concellos e financiamento ten estudado a Rede Localis. Nun estudo publicado a finais do ano pasado advertía de como os municipios galegos son cada vez máis dependentes de transferencias da Xunta da Galiza e do Estado español. A dotación media asignada aos Concellos galegos en 2021 —ano no que se centraba a análise— foi de 576 euros por habitante. Destes 576 euros, 203 proceden da Administración do Estado e 284 do Executivo galego. 

Os municipios máis despoboados son os máis beneficiados na transferencia de capital. A medida que se reduce o número de residentes na localidade, a dotación per cápita doutras administracións públicas aumenta. "Este resultado é o agardábel, xa que, aínda que a capacidade fiscal destes Concellos sexa notoriamente menor (polas bases impoñíbeis ou a renda dos seus habitantes) deben prestar obrigatoriamente unha serie de servizos mínimos. O actual deseño das transferencias correntes aos Concellos, que non dependen do seu esforzo fiscal, ten un claro compoñente redistributivo, de aí que beneficie máis, en termos por habitante, aos municipios de menor poboación".