Os concellos locen orgullosos

Pontevedra Compostela A Coruña e Salceda

Casas consistoriais dalgunhas localidade galegas penduraron a bandeira LGTBi con motivo do Día do Orgullo. 

 

A Coruña, Compostela, Ferrol, Lalín, Cedeira ou Salceda de Caselas locen estes días o arco da vella que representa a diversidade das identidades sexuais após penduraren das fachadas dos consistorios a bandeira LGTBi. Unha acción que en Pontevedra se repite desde hai uns anos.

Con motivo do Día do Orgullo as corporacións municipais desenvolveron esta acto simbólico que se completará con actividades ao longo dos vindeiros días. 

O obxectivo é dar visibilidade e amosar o compromiso dos gobernos locais na loita polos dereitos e liberdades sexuais co gallo desta data na que se conmemora a revolta de Stonewall. Unha xornada na que as persoas que se atopaban neste local neoiorquino reaxiron á violencia policial contra gais, lésbicas, bisexuais e transexuais converténdose nun xérmolo dos movementos en defenda dos dereitos LGTBi

Cidades como A Coruña e Pontevedra desenvolverán nos vindeiros días diversas actividades da man de distintos colectivos, noutras como Compostela, asociacións como Ultreia tamén organizan, desde hai días, accións con motivo desta data. 

Na cidade do Lérez comezarán a terza feira (7 de xullo) cun acto contra a transfobia na Casa da Luz (10h) coa colaboración de Chrysalis Galiza. Aliás, o 11 de xullo cunha romaría urbana ás 12h no Campiño de Santa María que se completará cun xantar e DJs durante toda a tarde. Á noite, polbo e copas na rúa Dona Tareixa e after party a partir da unha da madrugada na Sala Karma.  

Pola súa banda, o Concello da Coruña colabora coas actividades organizadas polos colectivos  CASCO (Comité Antisida da Coruña), ALAS Coruña (Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña), 7 CORES (Grupo LGTB do PSdGPSOE), Ultreia LGTBI, Cesida, El Andamio de Enfrente, Garufa Club, Alfaiate Café, Claro Boba, Étnika's, El Ángel e Ico's

Organizan unha festa no Garufa coa entrega dos IX premios Marcela e Elisa, que lembran a primeira parella lésbica que casou na Galiza e no Estado español. O sábado convocan unha concentración no Obelisco baixo o lema 'Leis pola igualdade real, xa!' a partir das 21h. Media hora despois Miriam C. Castro participará nun coloquio no bar El Ángel (Praza María Pita). 

Xa na segunda feira no Centro Ágora terá lugar unha mesa redonda 'Novos retos para a prevención do VIH' no que tomará a palabra Antonio Poveda, director da Coordenadora estatal de VIH e Sida, Cesida. Será ás 20h.