As consecuencias do despoboamento: cinco concellos non teñen ningún estudante matriculado en Primaria

Imaxe de arquivo dunha aula baleira. (Foto: Nós Diario)
Aliás, até 19 municipios teñen menos de dez crianzas matriculadas en Educación Infantil; dous deles, Beariz e Negueira de Muñiz, cun só estudante.

Beariz e Negueira de Muñiz son os concellos do país nos que hai menos crianzas matriculadas en Infantil na Galiza no inicio do curso 2022-23, só un en cada caso. Aliás, un total de cinco concellos non contan con ningún cativo ou cativa escolarizada en Primaria para este curso: San Cibrao das Viñas, Taboadela, Vilariño de Conso, Paderne e Coirós. Con todo, nestes cinco casos si que contan con estudantes na etapa de Infantil.

Así figura na información que vén de trasladar a Consellaría de Educación a Europa Press de matrículas por municipios en centros públicos, privados e concertados para este novo curso.

Os seguintes municipios con menor número de crianzas en Infantil son O Bolo, con dous; Viladervós, con tres; Vilarmaior, tamén con tres; Cervantes, con catro; As Somozas, con cinco; Vilariño de Conso, con cinco; Samos, con cinco; Padrenda, con cinco; Vilar de Barrio, con cinco. A lista prosegue coa Veiga, con seis; Melón, con seis; Muíños, con seis; Santiso, con sete; Punxín, con sete; Entrimo, con sete; Muras, con sete; Vilamartín de Valdeorras, con sete; Castrelo de Miño, igualmente con sete, e Dozón, cun total de dez

En Primaria, alén dos cinco municipios citados con cero alumnos neste nivel, os concellos con menor cifra neste nivel son Punxín, con tres; Vilarmaior, con catro; A Veiga, con cinco; Muras, con sete; e Triacastela, con nove.

Redución do alumnado

Un total de 311.179 alumnos e alumnas galegas volven ás aulas esta semana en Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Educación Especial, 5.725 menos que no curso pasado.

Malia que Secundaria e Bacharelato rexistran un lixeiro aumento de matriculacións, 390 e 746 máis respectivamente, a baixada é xeneralizada en Infantil, Primaria e Especial, que suman 6.861 matriculados menos. Os datos de Formación Profesional aínda non están dispoñíbeis, xa que o proceso de matriculación remata o día 6.

Segundo informa a Consellaría de Educación, serán 1.591 os centros educativos que inicien a súa actividade esta semana, 1.206 deles de titularidade pública.