Unha concentración impide unha corta de árbores programada polo Concello de Vigo

Concentración contra a corta de árbores en Vigo (Foto: Nós Diario).
O persoal da empresa concesionaria do plan de cortas acabou por marchar sen levar a cabo esas tarefas.

Membros da plataforma Amigas das Árbores e outros colectivos veciñais e ecoloxistas concentráronse esta quinta feira na rúa Falperra para impedir a corta de varias árbores programada polo Concello de Vigo. En consecuencia, o persoal da empresa concesionaria do plan de cortas acabou por marchar sen levar a cabo esas tarefas.

O Concello de Vigo anunciara hai unhas semanas que se realizaría esa e outras cortas e podas en varias zonas da cidade para evitar riscos e garantir a seguridade. En concreto, na rúa Falperra a previsión era substituír as acacias negras por árbores frondosas.

Con todo, os colectivos que se concentraron criticaron que se pretende levar a cabo un "arboricidio" contra exemplares "sans", e reiteraron as súas denuncias sobre a perda de masa verde na cidade. Así mesmo, sinalaron que pediron á Administración municipal o plan de cortas, sen ter resposta.

Críticas da oposición

O BNG, cuxo portavoz, Xabier Pérez Igrexas, participou na concentración desta quinta feira, reclamou ao Goberno local a "anulación definitiva" da corta de árbores da zona da Falperra, e puxo en evidencia o "amplísimo rexeitamento social" que provoca a "política arboricida" do Executivo de Abel Caballero.

Tras constatar que os veciños e as veciñas "reclaman o seu dereito a unha cidade verde", Pérez Igrexas demandou a convocatoria urxente do Consello Sectorial de Medio Ambiente do Concello de Vigo, para pór en marcha un "Plan de Protección do Arborado".

"Non podemos seguir soportando cortas arbitrarias e sen motivo, que se pretenden xustificar con invocacións xenéricas a problemas de seguridade, mais que van en contra da normativa ambiental", advertiu o portavoz nacionalista durante a súa participación na protesta.

Mentres, o grupo municipal do PP exixiu "explicacións" ao Goberno local sobre o plan de cortas que se está executando na cidade, e explicou que esta quinta feira presentouse unha unidade de Seprona para reclamar os informes que xustifiquen a actuación na Falperra "sen que ninguén puidese entregalos".

O portavoz do grupo popular, Miguel Martín, reclamou "total e absoluta transparencia" ao alcalde, Abel Caballero, e que se faciliten os documentos aos colectivos que o solicitan, ademais de volver pedir ao concelleiro de Parques e Xardíns, Anxo Rivas, que compareza para dar explicacións.

O PP preguntou "onde está o plan de podas municipal" e reclamou que, en caso de ser necesaria esa corta, as árbores sexan substituídas por outras do maior porte posíbel para que Vigo "deixe de perder masa verde", ademais de levar a cabo unha correcta política de mantemento e prevención.