Concentración da Plataforma Galega contra a OTAN "pola paz e a soberanía dos pobos"

Jens Stoltenberg, secretario xeral da OTAN (Foto: DPA / Europa Press).

A Plataforma Galega contra a OTAN ten convocou para esta sexta feira unha concentración  ás 19.30h diante da Delegación do Goberno na Coruña. Baixo o lema "Pola paz e a soberanía dos pobos. Non á guerra!", manifestaranse ás 19.30 horas para mostrar o seu rexeitamento do "conflito bélico en Ucraína".

"A guerra nunca é a solución e só serve aos intereses imperialistas. O único camiño é a desescalada militar e unha política de paz, que require apostar sempre no diálogo nos esforzos diplomáticos, no marco de organizacións como a ONU ou a OSCE, para lograr unha solución estábel sobre a base do respecto á soberanía dos pobos e a paz", sinala a plataforma.

Os convocantes da concentración tamén denuncian "as accións previas provocadoras e de acoso por parte do exército da Ucraína contra as repúblicas de Donestk e Lugansk, cunha clara intencionalidade de iniciar unha nova guerra, logo dos bombardeos sobre a liña do alto ao fogo que se establecera nos acordos de Minsk".

Asemade, a plataforma critica o "silenciamento" deses ataques, a pesar dos informes que así os confirmaron por parte dos observadores da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) despregados sobre o territorio.

"Lamentábel" papel da Unión Europea

Para a Plataforma, resulta "lamentábel" o papel que da Unión Europea no contexto do conflito, e acúsaa de actuar "como monicreque" dos intereses da OTAN e os EUA, "verdadeiro artífice deste relato previo e que asumirá o mando e as decisións sobre o transcurso desta guerra, como sempre, afastada do seu territorio, e para beneficio dos seus intereses".

Lamenta que a UE, a través do voceiro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, "súmase ás declaracións ameazantes, que crean aínda máis tensión, e parecen preocuparse máis polas consecuencias económicas, e políticas, no canto de preocuparse polas gravísimas consecuencias que pode traer para a poboación, a estabilidade na rexión e, en definitiva, a paz mundial".

Na concentración, demandarán o compromiso de non incorporación de Ucraína á OTAN, en consonancia cos acordos de Minsk, e a retirada do exército ruso do Dombass, coa volta ao seu territorio; así como o recoñecemento das repúblicas populares de Donestk e Lugansk.

No que se refire ao Estado español, exixirá a súa neutralidade activa neste conflito, e a retirada inmediata das tropas españolas enviadas á zona.