VÍDEO

Nova mobilización en Vigo contra o xenocidio de Gaza: "Dicimos 'non' á barbarie do Estado terrorista de Israel"

As activistas Ángela Gippini e Óscar Valadares lendo o manifesto da Coordinadora Galega de Apoio a Palestina. (Foto: A. M.)
"Con este acto nós dicimos 'non'. Non á barbarie despregada polo Estado terrorista de Israel. A barbarie que levamos meses condenando, e que é parte esencial do seu proxecto colonial e expansionista", denunciou a Coordinadora Galega de Apoio a Palestina.

A Coordinadora Galega de Apoio a Palestina —entidade conformada polos colectivos Asociación Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina e Mar de Lumes— organizou esta cuarta feira unha nova acción de protesta contra o xenocidio israelí en Gaza. A concentración decorreu ás 11.30 horas no monte do Castro de Vigo, onde as activistas Ángela Gippini e Óscar Valadares, en representación da Coordinadora, leron un manifesto de apoio ao pobo palestino. Ao acto asistiron tamén, entre outros, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e a deputada nacionalista Carmela González.

"Con este acto nós dicimos 'non'. Non á barbarie despregada polo Estado terrorista de Israel. A barbarie que levamos meses condenando, e que é parte esencial do seu proxecto colonial e expansionista, que trata de esmagar o pobo da Palestina para ocupar as súas terras, pero que se estende tamén a outros pobos da rexión que son hostís ou simplemente incómodos ao imperialismo, do Irán a Líbano e do Iemen a Siria", denunciaron.

As manifestantes cuestionaron tamén a "vergoñenta política dos grandes medios" de comunicación que, "despois de culpabilizaren a resistencia palestina do inicio do conflito, negando que este conflito leva máis de 75 anos de ocupación deixando mortos do lado palestino, informan dos novos masacres como se non houbese responsábeis, como se o exército israelí fose de defensa en lugar de ser un exército terrorista, e como se as bombas que deixaron máis de 40mil asasinadas e asasinados caesen do ceo de maneira inexplicábel".

"Mais, sobre todo, o noso 'non' é tamén contra a vergoñenta complicidade de quen nos goberna. Contra o Goberno galego, incapaz sequera dun pronunciamento, como se o que acontece no mundo non fose connosco. Contra o Goberno español, que está disposto aos recoñecementos simbólicos sen efectos prácticos de ningún tipo pero non tan disposto a efectivar unha política real para oporse ao xenocidio. Ese mesmo Goberno español que presentou o seu recoñecemento formal da Palestina como un audaz movemento diplomático, pero que na realidade foi un dos últimos estados do mundo en recoñecer o que é evidente, mentiu de maneira miserábel cando asegurou que non estaba a exportar armamento a Israel, segue asinando novos contratos de defensa co estado sionista e agora envía barcos de guerra como o porta-helicópteros Juan Carlos I en apoio aos xenocidas", engadiron.

Un 'non' que estenderon tamén á Unión Europea "e á súa verborrea de paz en abstracto, que pasou, nas palabras, do apoio directo e descarado a [Benjamin] Netanyahu a reivindicar unha paz sen mudanzas que perpetúe a ocupación e os seus crimes diarios, pero que nunca moveu un dedo para deter os bombardeamentos indiscriminados de civís nen para condenar a serio as violacións sistemáticas do dereito internacional e do dereito humanitario perpetradas por Israel".

"E dicimos 'non' á nova chantaxe do imperialismo contra a Palestina. Tras armar Israel e soster a masacre dos últimos dez meses, agora Estados Unidos e todo o seu coro do que hipocritamente denominan 'comunidade internacional' aceptan as condicións do estado de Israel nas mesas de negociación que suporían asumir aínda maior control sionista sobre a Faixa de Gaza e trasladan á opinión pública que quen non acepta a paz é a Resistencia. Esta chantaxe complétase co recrudecemento das accións militares con centos de mortes nas últimas semanas para trasladar ao pobo palestino que non hai alternativa", sinalaron.