PROTESTAS

Concentracións en toda a Galiza contra os recortes no ensino público

A Plataforma en Defensa do Ensino Público da Galiza chama a secundar as mobilizacións, que serán simultáneas en 12 comarcas, e a pór a cambadela ao Real Decreto-lei español de racionalización do gasto público, que invade competencias da Xunta

Até doce comarcas do país acollerán esta terza feira concentracións simultáneas para exixir ao Goberno galego o cesamento dos recortes na educación pública. Convocadas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, o obxectivo destas acción é evitar a aplicación do Real Decreto-lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.

Así, as protestas están fixadas para as 19:30 horas en Santiago --Praza do Toural--, Ferrol --diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza--, Ourense --Rúa do Concello,11--, Vigo --Príncipe, diante do Marco--, A Coruña --Praza de Pontevedra--, Pontevedra --Praza da Peregrina--, Lugo --Edificio Administrativo da Xunta de Galiza, na Ronda da Muralla--, A Guarda --Praza do Reloxo--, Verín --Praza do Concello--, Vilagarcía --Praza de Galiza--, Foz --Praza de Galiza-- e ás 20:00 horas en Ribeira --Diante do Concello-- e no Barco de Valdeorras --Praza do Concello--.

A Plataforma, constituída en autoconvocatoria o 25 de abril, está integrada por representantes da comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades. No seu manifesto, denuncian que as medidas aprobadas polo Goberno español --que se veñen sumar aos recortes aplicados pola consellaría de Educación nos últimos anos no ensino galego-- buscan reducir o profesorado dos centros, despedindo miles de docentes, incrementar o número de alumnas e alumnos e masificando as aulas, reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa. Todas estas medidas dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, son contrarias á calidade do ensino e significan maior fracaso escolar, tal e como recolle o sinalado manifesto.