Concéntranse en Cedeira contra os proxectos de eólica mariña na Galiza

Concentración este sábado diante da Confraría de Cedeira (Foto: Nós Diario).

A confraría de Cedeira acolleu este sábado unha charla e unha concentración para amosar o seu desacordo coas propostas de parques de eólica mariña nas súas costas.

No municipio de Cedeira, en Ferrolterra, a confraría da localidade realizou este sábado pola mañá na súa sede unha charla e unha concentración contra os parques eólicos nos seus caladoiros.

A iniciativa comezou ás 10.30 horas cunha palestra a cargo do avogado especialista en dereito pesqueiro, Torcuato Teixeira, e do patrón maior de Burela e Presidente da Federación Nacional das Confrarías de Pescadores, Basilio Otero.

Ao remate, as persoas asistentes manifestáronse ás portas da sede da entidade mariñeira e deron a coñecer unha declaración na que afirmaban que son “traballadores, non especuladores”.

"Insulto ao sector"

“Non nos opoñemos ás enerxías renovábeis mariñas”, aseguran, “mais estamos en contra de que se sacrifique o noso sector, o nosos ecosistema mariño para que os de sempre sigan facendo o seu negocio”,  critican.

No documento, que dirixen “á Señora Vicepresidenta en Funcións, Teresa Ribeira”, consideran que o plans de ordenación mariña do Goberno español “son unha afronta, un insulto ao noso sector e a toda a sociedade civil”.

Por este motivo, solicitan “que se conte coa ciencia para planificar a implantación, no seu caso, da eólica mariña” e tamén “que se conte cos mariñeiros e toda a sociedade civil e non só cos intereses dos promotores destes polígonos como se fixo até o de agora”.

Concienciar ao sector

“É importante concienciar ao sector do que acontece, como en Cedeira que ten unha das zonas de máis quilómetros cadrados reservados para polígonos de eólica mariña”, explica Torcuato Teixeira a Nós Diario.

Ademais, este avogado considera que “hai que sensibilizar á opinión pública de que hai unha planificación da ordenación do espazo mariño feita exclusivamente polos promotores da eólica, deixando de lado a protección medioambiental”.

Basilio Otero, pola súa parte, amosou a súa satisfacción pola organización do acto e asegura a Nós Diario que “seguiremos facendo outros e xa pensamos en contar con Burela”.