O concurso de ambulancias de Pontevedra e O Salnés, deserto por segunda vez

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).
A ausencia de ofertas obriga a prorrogar a concesión actual e a abrir unha nova licitación.

Ambulancias Civera, actual adxudicataria do transporte sanitario para as pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, seguirá ao cargo deste servizo despois de que esta segunda feira, 20 de maio, fechásese o prazo sen que se presentasen ofertas no novo concurso para outorgar esta concesión.

O xerente da área Sanitaria, José Flores, confirmou que "non se presentou ninguén", polo que a Administración sanitaria ten que "prorrogar o contrato á empresa actual por necesidades do servizo e por interese público" até que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) poña en marcha unha nova licitación. Trátase da segunda ocasión na que o concurso queda deserto.

O responsable da Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Téxtil da CIG, Xavier Aboi, defendeu que é necesario un maior investimento económico por parte da Xunta da Galiza para resolver a falta de empresas interesadas no concurso. Segundo dixo, "con sete ou oito millóns de euros resolven a situación actual deste servizo en Galiza".

O representante de CIG recoñeceu que "coas actuais condicións non se presenta ninguén" malia existir "empresas serias e interesadas e serias de aquí". Aboi reclamou unha mellora das condicións para unha nova licitación do servizo.