Condenan un sindicalista da CIG por “aldraxes a España”

Imaxe dunha das protestas que decorrían diante do recinto militar no marco da greve de Cleanet.

Un xulgado de Ferrol condénao a pagar 1.260 euros a raíz dunha denuncia presentada por tres militares.

Un xulgado vén de condenar un sindicalista da CIG a pagar unha multa de 1.260 euros por considerar que foi responsábel dun delito de “aldraxes a España”. A sentenza, á que tivo acceso La Voz de Galicia, chega un ano despois do xuízo, que decorreu a principios de 2017. Segundo afirmaba daquela o sindicato nacionalista, o xuízo tiña lugar a raíz da denuncia que tres militares presentaron contra o sindicalista por supostas faltas de respecto á bandeira española durante o izado da mesma no Arsenal.  Un izado de bandeira que coincidía coas protestas laborais que realizaban as traballadores de Cleanet, a empresa que se encargaba da limpeza nas instalacións militares e que pedían que se lles pagasen os salarios adebedados.

No marco daquel conflito, no que as traballadoras levaban meses sen cobrar, a CIG-Servizos tivo que presentar denuncia contra o Ministerio de Defensa por vulneración do dereito á greve, xa que o propio persoal militar estaba a realizar as tarefas de limpeza.