Xustiza

Sete anos de cárcere para un home de 40 anos por agresión sexual a un menor de 14 que coñeceu na rede

O agora condenado contactara a vítima por medio da rede social 'Grindr'. (Foto: Nós Diario)
O acusado mantivo relacións sexuais co menor malia ser "consciente da súa escasa idade", recolle a sentenza. Previamente contactárao a través dunha coñecida aplicación de citas.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de condenar a sete anos de cárcere a un home de 41 anos acusado de agredir sexualmente un menor, que no momento dos feitos tiña 14, co que contactara previamente a través da aplicación de citas Grindr.

Na súa sentenza, o tribunal considera probado que, en febreiro de 2022, o procesado concertou unha cita "para manter un encontro de carácter sexual" coa vítima, de 14 anos, após intercambiaren "mensaxes de índole sexual" a través desta aplicación.

Logo de recoller á vítima nunha praza da cidade de Lugo, os maxistrados sinalan que o agora condenado mantivo relacións sexuais co menor no interior dun vehículo estacionado nun aparcadoiro, a pesar de ser "consciente da súa escasa idade".

A Sala descarta a existencia de motivos espurios ou de inimizade previa na denuncia. Así, subliña que o menor "só contou os feitos tras ser visitado polos axentes do Corpo Nacional de Policía" que investigaban o sucedido despois de que o pai dunha amiga do mozo denunciase os feitos.

Este auto recoñece que, en sede xudicial, o menor manifestou que "non quería denunciar" e que "non sabía por que estaba alí", xa que afirmaba que "quedara voluntariamente co acusado, chegando a manifestar que non se sentira violado porque non dixera que non".

No que atinxe á verosimilitude da versión ofrecida pola vítima, o tribunal entende que se trata dun "relato coherente e que se ve avalado por outras circunstancias", entre elas as mensaxes que ambos os dous intercambiaran.