Condenado un mozo a prisión por abusar sexualmente dunha menor de 12 anos en Ferrol

En 2021 decorreu perante a Audiencia Nacional o xuízo polo caso 'Kitchen' (Foto: Óscar Cañas / Europa Press).
O tribunal tivo en conta que as relacións "partiron do consentimento", se ben o mozo, de 19 anos, fixo caso omiso das advertencias recibidas de que a rapaza tiña só 12 anos.

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña vén de condenar a dous anos de cárcere e a cinco anos de liberdade vixiada un home de 19 anos por abusar sexualmente dunha menor de 12 en Ferrol. Segundo recolle o veredicto, facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza esta terza feira e con data do 22 de decembro, ao condenado tamén se lle prohibiu durante cinco anos aproximarse e comunicarse coa vítima.

Os xuíces tamén acordaron imporlle seis anos de inhabilitación para calquera profesión ou oficio que precise dun contacto regular e directo con menores de idade.

A sentenza indica que o tribunal tivo en conta, á hora de fixar a condena, "partindo do consentimento" das relacións sexuais que ambos mantiveron, que "practicamente se daba unha simetría en canto ao grao de desenvolvemento e madurez, non sendo tampouco a diferenza de idade tan grande, polo menos, tan distante das que se estabelecen como referencia".

Esta resolución tamén recolle que os feitos tiveron lugar no outono de 2020, logo de que coñecese á menor a través doutros coñecidos. A menor "presentouse como de dezasete anos e manifestara traballar nunha tenda de tatuaxes da Coruña", ditamina a sentenza. O condenado "recibiu unhas mensaxes vía Instagram de quen se presentaba como irmá ou nai da menor, alertándolle de que esta tiña doce anos".

O mozo "pretendeu aclarar as cousas" e a menor "negou, ao ser preguntada, que as mensaxes proviñesen dalgún teléfono dos seus familiares" e "insistiu en que tiña 17 anos". Deste modo, o agora condenado non fixo caso das advertencias e mantivo relacións sexuais con ela que a sentenza cualifica de "consentidas".

Por outra parte, no auto a Audiencia absolveu outro mozo de agredir sexualmente á menor, xa que as súas declaracións, interpretadas en conxunto, "non teñen capacidade para ofrecer a seguridade necesaria" de que así fose.

A menor contaría que a agrediu sexualmente en dúas ocasións, pero a sentenza subliña que no relato "falta a coherencia interna" porque, segundo sinala na sentenza, a incriminación que realiza "carece de calquera corroboración externa". Contra esta sentenza cabe presentar recurso nun prazo de dez días desde a súa publicación o pasado 22 de decembro.