Xustiza

Condenado a 10 anos e medio de prisión un pai por agredir sexualmente a súa filla "a diario"

Sede da Audiencia Provincial de Ourense. (Foto: Google)
A Sala considera probado que cometeu os feitos desde "dous ou tres anos antes de decembro de 2019, case a diario, no baño ou na cama que compartían" na vivenda na cal residía o procesado coa menor, nacida en 2010, e o seu irmán.

A sección segunda da Audiencia de Ourense condenou a 10 anos e medio de prisión a un pai por agredir sexualmente, de forma continuada, a súa filla menor de idade.

Ademais, privouno da patria potestade, acordou a inclusión do ADN do acusado na base de datos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e impúxolle dez anos de liberdade vixiada, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

A Sala considera probado que cometeu os feitos desde "dous ou tres anos antes de decembro de 2019, case a diario, no baño ou na cama que compartían" na vivenda na cal residía o procesado coa menor, nacida en 2010, e o seu irmán.

A sentenza

Na sentenza, os xuíces indican que, cando o acusado bebía alcol, a súa filla "comezaba a tremer". Na sentenza relatan que cando pasaba uns días de estancia coa súa madriña e co seu padriño, quen non tiñan coñecemento das agresións sexuais que sufría, a nena "non quería volver para a súa casa e pedíalles, chorando, estar máis tempo con eles".

O tribunal subliña que na declaración da vítima "non se aprecia a presenza de ningún elemento que poida ser considerado como acreditativo dunha actuación motivada pola presenza dun ánimo de resentimento, odio, vinganza, ou o interese en obter coa súa declaración unha vantaxe".

Ademais, recalca que o seu testemuño, ao longo de todo o procedemento, é "uniforme, sen alteracións nin introdución de feitos novos", describindo "a mesma mecánica comisiva".

Os maxistrados tamén aseguran na sentenza que concorren "datos obxectivos suplementarios que revalidan de maneira periférica" extremos da declaración da menor, á vez que recalcan que consideran que reúne "os requisitos necesarios para ser considerada como proba de cargo coa suficiente entidade para entender vencida a presunción de inocencia da que goza o acusado". A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso perante o TSXG.