Xustiza

Os condenados por agresión sexual na Galiza dispáranse 22%

Os xulgados de Santiago de Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
Galiza computou 20.580 delitos cometidos en 2022 (+0,4%). Por tipoloxía, os delitos contra a seguridade viaria son os de maior número (6.584), seguidos por lesións (3.395) e furtos (2.297).

Un especial repunte foi rexistrado nos condenados por delitos sexuais na Galiza, cun total de 151, 21,8% máis que o ano anterior, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira.

Esta forte subida contrasta co 0,2% de avance que soamente se produce no Estado, cun total de 3.201 agresores sexuais condenados.

Pola súa parte, Galiza computou 20.580 delitos cometidos en 2022 (+0,4%). Por tipoloxía, os delitos contra a seguridade viaria son os de maior número (6.584), seguidos por lesións (3.395) e furtos (2.297).

O tramo de idade de 41 a 50 anos é o que comete máis delitos na Galiza (4.900 do total). 88,6% dos que cometeron delitos son nacidos no Estado español.

Porén, Galiza ocupa o segundo lugar pola cola na taxa de delitos cometidos por adultos en 2022 (8,9 por cada 1.000 habitantes), só cunha cifra menor en Castela-A Mancha (8,1). Ademais, é o territorio con menor cifra de delitos levados a cabo por menores (7,7 por cada 1.000).

Con todo, o número de adultos condenados por sentenza na Galiza foi de 14.739 en 2022 -12.050 homes e 2.689 mulleres-, o que supón un incremento de 8,8% respecto a 2021. Esta alza é lixeiramente inferior á media estatal de avance de 9,4%.

Menores condenados

No tocante a menores, os condenados foron 409 na Galiza en 2022 -311 mozos e 98 mozas-, neste caso 3% menos que en 2021, segundo os datos do INE. Por idades son: 125 de 17 anos, 126 de 16 anos, 93 de 15 anos e 65 de 14 anos.

Un total de 16 menores foron condenados por delitos sexuais en 2022, o que se traduce nunha subida de catro persoas (+33%) respecto aos 12 menores que eran un ano antes.