Condenan unha aseguradora a pagar case 13 millóns por "neglixencia médica" nun parto na sanidade privada en Compostela

Foto: annaperevozkina / Adobe Stock).

A indemnización é a máis alta concedida até a data no Estado por un caso desta natureza, asegura o avogado que levou o caso.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Santiago de Compostela condenou unha aseguradora, Segurcaixa Adeslas, a pagar case 13 millóns de euros, incluídos intereses, a unha familia por "neglixencia médica" nun parto.

Así o informa o avogado Cipriano Castreje, que levou o caso, e así o recolle a sentenza, despois de que o bebé sufrise "severos danos ao nacer, por mala praxe", recalcou o letrado.

En declaracións a Europa Press, criticou o posicionamento da aseguradora após este fallo e, outros tres anteriores, un para recoñecer ao neno unha discapacidade do 100 %. "Non consignou un só euro desde o nacemento do bebé", reprocha para lembrar que cada día devéñanse en intereses outros "2.958 euros".

Os feitos remóntanse a 2015, cando a nai acudiu a dar a luz ao hospital privado Rosaleda de Compostela onde, tras fracasar a indución ao parto e o intento de parto natural, "seguido dun atraso na intervención cirúrxica necesaria", remarca o letrado tras o contido do fallo, produciuse "unha hipoxia intraparto".

"A pesar de que o rexistro cardiotocográfico avisaba da hipoxia, e nalgúns momentos, chegou a ser ominoso, non se tivo en conta", sinalou o avogado, que engadiu que, "como consecuencia do atraso na práctica dunha cesárea que estaba indicada desde moito antes, o neno naceu con parálise cerebral espástica, cegueira absoluta, epilepsia, xordomudez, atraso mental e múltiples discapacidades severas".

Isto, expón Castreje, "levou a unha discapacidade recoñecida de 100 % por outra sentenza do Xulgado do Social número dous de Santiago de Compostela, que revogou a decisión administrativa de conceder, inicialmente, unha discapacidade de 67%".

Por outra parte, recalca que a indemnización duns 13 millóns recoñecida "é a máis alta concedida até a data no Estado por un caso desta natureza".

O recentemente nado chegou a ser trasladado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago ante a situación e o fallo remarca a súa situación actual de perda de autonomía e os coidados que necesita, entre outras cuestións.

Tamén sinala que a aseguradora coñeceu "a neglixencia médica" desde o momento en que ocorreron os feitos, por iso o seu "inacción" "non está xustificada".